O BNG naronés levará ao pleno unha moción reclamando a transferencia da AP-9 á Xunta

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón vén de presentar no Rexistro do Concello unha moción para o seu debate no pleno ordinario de novembro, a celebrar o vindeiro xoves 24, coa que reclama a transferencia á Xunta de Galiza da autoestrada AP-9. O texto, idéntico ao que se está a levar a todas as corporacións nas que o BNG ten representación, insta ao Goberno central e ao Ministerio de Fomento a retirar a disconformidade coa tramitación da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galiza ao remate da lexislatura anterior. Ademais, pide a todos aos grupos políticos con representación nas Cortes Xerais axilizar a súa tramitación e aprobala nos termos consensuados no Parlamento de Galiza, e convida á corporación naronesa a «rexeitar o rescate multimillonario con fondos públicos de autoestradas co único fin de salvar a banca e as construtoras que as xestionan, alén de instar a que os recursos públicos se destinen prioritariamente ao rescate de autoestradas en beneficio das usuarias e usuarios finais, para rematar coas peaxes abusivas da AP9».

O portavoz do grupo municipal do BNG de Narón, Pablo Villamar, cualificou de «estafa legal» as peaxes da AP-9 e, para rematar con elas, sinalou que o único xeito é «rescatar a concesión e transferila á Xunta de Galiza», xa que, lembrou, «esta autoestrada está amortizada abondo, pois desde a súa apertura, nos anos 70, leva recadado máis de 2.200 millóns de euros, xerando 750 millóns de beneficio que, ademais, non ingresa nin sequera o Estado, senón ás grandes corporacións e fondos de investimento estranxeiro que a levan xestionando desde a súa privatización por parte do Goberno Aznar en 2003».

 

Villamar subliñou, ademais, que os argumentos esgrimidos polo Goberno central a través do Ministerio de Fomento para rexeitar esta iniciativa que conqueriu o apoio unánime do parlamento nacional de Galiza son «erróneos», pois «por moito que digan, non é unha vía internacional (remata en Tui) e tampouco conecta entre si as infraestruturas portuarias e aeroportuarias da nosa franxa atlántica».

O voceiro nacionalista asegurou que as peaxes son abusivas, «das máis altas do Estado», e que todos eses ingresos, de máis de 300.000 euros diarios, non repercuten «en absoluto na mellora do servizo nin están a bonificar aos usuarios habituais da vía, como si fai Itínere noutras autoestradas do Estado». Villamar incidiu en que o Goberno central mantén unha política discriminatoria con Galiza e, nesa liña, lembrou que recentemente «decidiu rescatar con 8.000 millóns as concesións ruinosas de varias autoestradas madrileñas adxudicadas a Bankia e construtoras afíns ao PP».

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …

Un comentario

  1. En el Congreso no se han puesto de acuerdo, en la Xunta tampoco. Hasta ahora. ¡Llega Pablo Villamar al rescate!