Especialistas reúnense en Ferrol no Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía

specialistas en Endocrinoloxía e Nutrición de toda Galicia reúnense esta fin de semana en Ferrol, no 29 Congreso da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo. Durante o venres 18 e o sábado 19 de de novembro, na Fundación Abanca, máis de 150 asistentes abordarán os últimos tratamentos, avances, e melloras neste eido. Como indica o responsable do Comité Organizador, e especialista en Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Diego Bellido, «considéranse os temas e as enfermidades de maior prevaleza ou novidades, e van acudir profesionais doutras especialidades». Ademais, «asistirán tamén profesionais que teñen exercido como endocrinólogos nesta área sanitaria, e que agora desenvolven o seu traballo noutras áreas de territorio nacional e internacional, e poden achegar as súas experiencias».

O Congreso abrangue, no seu primeiro día 18, como optimizar a consulta con ferramentas dixitais, un taller sobre o método de lectura da glicosa monitorizado, en diabetes; un simposio sobre a Obesidade, tratando alternativas terapéuticas, a súa relación co cancro, as novidades no tratamento farmacolóxico ou o seu tratamento cirúrxico. Neste senso, o Complexo Hospitalario Universitario ferrolá colabora con outros hospitais de Galicia en estudos clínicos relacionados coa diabetes e o cancro de mama e colon; e está a desenvolver o proxecto IGOBE, de abordaxe da obesidade en grupo. Xunto con isto, haberá un encontro co experto que se centrará no manexo actualizado do fallo intestinal, cunha experta en nutrición e a alternativas terapéuticas para esta patoloxía pouco habitual. Tratarase tamén a Esteatohepatite non alcohólica, patoloxía emerxente, e novas opcións terapéuticas en acromegalia.

Ademais, leranse as comunicacións orais escollidas, 6 entre un total de 45, entre as que figura unha comunicación realizada por profesionais da área sanitaria ferrolá e que aborda o Rexistro Dietético Fotográfico, ferramenta empregada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol coa que se axuda ó paciente a valorar a súa inxestión de alimentos, se é correcta ou non, e como mellorala.

No segundo día desta xuntanza de especialistas, os encontros co experto abordarán o papel do especialista en Endocrinoloxía e nutrición no manexo dos trastornos de identidade de xénero; o tratamento da síndrome metabólica; ou o manexo clínico do cancro de tiroides e as novas guías. Outro simposio valorará as novas terapias combinadas no ámbito da Diabetes tipo 2, «coa presenza de especialistas de gran nivel científico tanto no ámbito nacional como internacional, como o profesor Knopp, de Dinamarca».

Por último, a a conferencia de clausura, Fisiopatoloxía do hipotiroidismo asociado á enfermidade severa, correrá a cargo de Joaquín Lado Abeal, da División de Endocrinoloxía do Departamento de Medicina da Universidade de Texas, catedrático, natural de Ferrol, pero que actualmente desenvolve a súa actividade profesional en Texas.

Lea también

El centro cultural Torrente Ballester acoge el congreso IA Revolution Ferrol 2025

El concejal de Cultura de Ferrol, José Antonio Ponte Far, ha dado la bienvenida a …