No Marcide alertan dos riscos do tabaquismo no Día Mundial da EPOC

Sete de cada dez pacientes descoñecen que teñen Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC). O Día Mundial desta enfermidade celébrase mañá; e a especialista en Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Carmen Diego Roza, destaca a necesidade de traballar para afinalos diagnósticos; e invita á poboación da área sanitaria ferrolá a deixar de fumar, xa que é a principal actividade preventiva que a cidadanía pode facer para evitar esta enfermidade.

A EPOC é unha enfermidade que afecta ós bronquios e que implica unha obstrución das vías respiratorias; e maniféstase normalmente en persoas maiores de 40 anos, fumadoras, que comezan a notar certa dificultade para respirar, subir costas, ou refiren falta de vida. «Calquera home ou muller que fume, que teña tose, expectoración, ou falta de vida ó facer esforzo físico, débello comentar ó seu médico», dixo a especialista. Esta enfermidade ten moi poucas manifestacións clínicas a pesar das súas grandes consecuencias, como lle sucede a outras patoloxías como a hipertensión, de aí a importancia da busca activa. «É necesario concienciar á poboación, e estes días mundiais son unha boa ferramenta», engadiu.

Esta patoloxía a terceira causa de transplante pulmonar por debaixo dos 65 anos, detrás da fibrose quística e a fibrose pulmonar idiopática. É a cuarta causa de mortalidade e a primeira de mortalidade evitable; e pódese converter, no 2030, na terceira causa de mortalidade do mundo. «Estes días deben servir para mentalizar de que existe unha enfermidade moi prevalente, e que, a pesar diso, é pouco coñecida», enfatiza esta profesional.

Segundo os datos epidemiolóxicos do estudo IBERPOC e EPISCAN, os más grandes en relación con isto, a prevaleza en España é dun 10,2% na poboación xeral entre 40 e 80 anos, polo que se estima que 142.000 galegos poden padecela, pero está infradiagnosticada. Esta enfermidade supón o 10% do total de consultas nos centros de saúde e o 30% da atención hospitalaria en Pneumoloxía.

Espirometrías e novas terapias individualizadas

Sobre esa necesidade da busca activa da enfermidade, Carmen Diego, subliña o papel dos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, claves nesa procura e na ratificación da sospeita a través das espirometrías. Nos últimos anos, e no caso da área sanitaria ferrolá, téñense incorporado espirómetros ós centros de saúde, «estase facendo ben, e os profesionais recibiron formación para empregalos», comenta esta especialista. «Isto é de agradecer, porque require da colaboración dos profesionais e dos pacientes», engade. De feito, no ano 2014, o Servizo Galego de Saúde avaliou a calidade das espirometrías e destacou que a área sanitaria ferrolá é onde se fan mellor de toda Galicia.

Hai diferentes tipo de EPOC, o que se denominan fenotipos, e a tendencia é a tratar ós pacientes segundo ese fenotipo ou gravidade dese enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. «Cada vez realízase máis terapia individualizada, hoxe en día non vale só co diagnóstico, temos posibilidades de coñecer o fenotipo; hai guías que nos axudan; e establécense terapias individualizadas», explica.

Proceso de Atención Integrado da EPOC e calculadora EPOC

En termos xerais, lembrar que o Servizo Galego de Saúde elaborou en colaboración con profesionais sanitarios de toda Galicia, un Plan de Atención Integral da EPOC que dá conta dos distintos recursos, fluxos e prioridades de traballo en torno a esta moi prevalente, pero descoñecida enfermidade. Sobre todo no que se refire á necesaria colaboración entre os e as profesionais do ámbito hospitalario e do centro de saúde.

O obxectivo final do PAI de EPOC é intentar reforzar as actividades preventivas para diminuír a incidencia da EPOC; aumentar a proporción de pacientes diagnosticados nun acto único; diminuír o infradiagnóstico; prescribir o tratamento correcto; e conseguir a máxima calidade de vida, sempre dentro dunha valoración multidisciplinar. A fin última deste proceso asistencial integrado é garantir a continuidade asistencial, e diminuír a variabilidade ao longo do proceso asistencial.

Por outra banda, e no marco da información relativa o Pai de EPOC, a Xerencia Integrada de Ferrol facilita no seu espazo electrónica para os traballadores (Intranet) unha ferramenta que facilita o manexo dos pacientes con EPOC no ámbito dos centros de saúde, a calculadora EPOC. No PAI da EPOC, un dos aspectos claves para a súa idónea posta en marcha é o correcto diagnóstico e estratificación dos pacientes, o que, á súa vez, permite establecer un tratamento farmacolóxico adecuado na fase de estabilidade. Con todo, para establecer os fenotipos clínicos, o nivel de gravidade e adecuar as recomendacións terapéuticas a estes resultados desenvolveuse esta ferramenta informática, a Calculadora EPOC, que permite calcular todos estes parámetros con tan só introducir os datos de espirometría, peso, talla, ou grao de disnea, entre outros.

Lea también

Los tres finalistas del Concurso Intl de Piano Ciudad de Ferrol actúan en el auditorio

La organización del XXXIV Concurso Internacional de Piano Ciudad de Ferrol ha comunicado el nombre …