A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, presentou este venres o programa escénico en rolda da prensa, acompañada dos artistas Xabier Deive e Luís Iglesia, protagonistas da Gala, e o alcalde de Narón, José Manuel Blanco Suárez
O DAC tamén levará espectáculos escénicos a Ortigueira e As Pontes
O DAC_OutonoCultural, o programa de espectáculos que desenvolverá os meses de novembro e decembro a Deputación da Coruña para achegar as figuras de Castelao, Irmandades da Fala e Manuel María a un público de todas as idades en 18 concellos da provincia, representará o vindeiro domingo 13 de novembro ás 19.00 h no Pazo da Cultura de Narón un dos seus pratos fortes, a «Gala da Irmandade».
En Narón
A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, acompañada de dous protagonistas da obra, Xabier Deive e Luís Iglesia, e o alcalde de Narón, José Manuel Blanco Suárez, explicou en rolda de prensa no concello de Narón os obxectivos deste ambicioso programa, «que se pon en marcha a través de catro espectáculos de primeiro nivel: «Barriga Verde», «Retrincos de Castelao», «Menú da fala» e «Gala da Irmandade», utilizando como espazos escénicos os centros educativos de Primaria e Secundaria, Casas de Cultura, Auditorios e a propia rúa”.
Tal e como sinalou a responsable cultural da Deputación na presentación deste venres en Narón, representaranse tres espectáculos: «O Conto de Barriga Verde» e «Retrincos de Castelao»nos centros educativos CEIP A Solaina e CPI O Feal, o luns 19 de decembro ás 10.00 h e ás 12.00 horas, respectivamente, e a «Gala da Irmandade, este domingo ás 19.00 horas no Pazo de Cultura.
Ortigueira e As Pontes
A «Gala da Irmandade» tamén se representará en Ortigueira o vindeiro domingo 20 de novembro ás 20.30 horas no teatro da Beneficiencia e en As Pontes o sábado 3 de decembro no Auditorio Cine Alovi ás 19.00 horas. Os centros educativos destes concellos tamén poderán gozar coas obras «O Conto de Barriga Verde» e «Retrincos de Castelao», en Ortigueira o vindeiro 16 de decembro e en As Pontes o 28 de novembro.
O Dac-OutonoCultural procurará tamén a implicación do mundo cultural local en cada un dos concellos, a través das asociacións das localidades que compoñerán o vídeo viral de cada localidade creado arredor dun poema de Manuel María que servirá tamén para difundir o programa.
A programacion, que se iniciou a pasado fin de semana en Negreira proseguirá en Ames e Narón este fin de semana, Arzúa, Betanzos, Carballo, Cee, Melide, Muros, Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Padrón, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo.
Baseándose no ideario e a historia das Irmandades da Fala, A «Gala da Irmandade» traslada á rúa esa marabillosa unión, forza e sinerxía que supuxeron para o país as Irmandades, unindo artistas de renome en diferentes artes e disciplinas até a contemporaneidade.
A obra conta cun elenco de grupos e artistas de primeira fila ademais dun artista ou colectivo do tecido local que estará presente na gala, achegando a súa calidade dende un concepto aberto no que se mesturarán diferentes artes: música, teatro, poesía, pintura…
Na «Gala da Irmandade» participa a compañía «Maquinaria pesada», a banda de Alonso Caxade coa súa música ao vivo, «Os Quinquilláns», Mago Teto, «Boneca Lareta» de Luís Iglesia e Xabier Deive, Mónica de Nut e Ánxela Blanco, ademais dunha representación de artistas de cada localidade.
En palabras do propio Luís Iglesia, presente na rolda en Narón, «A Gala da Irmandade» é unha mestura de moitos números que achegan o ideario das Irmandes á época actual, valores que hoxe se comparten, tales como o feminismo e o idioma, e con moito humor “.
A entrada para a Gala é de balde e pódese recoller no despacho de billetes do Pazo da Cultura venres e sábado, de 9.30 a 14 e de 17 a 20.30 horas, e o propio domingo.
«Menú da fala»
O «Menú da Fala» comeza cun debuxo íntegro como facía Castelao e remata cun homenaxe á lingua, xogando e gozando co idioma para mantelo vivo, darlle brillo…adaptando o galego aos tempos que corren. A idea desta obra é facer fotografías do natural amosando o orgullo e de ser quen somos” Trátase, en definitiva, dunha celebración oral que fai unha simbiose entre narración e imaxe para poñer en valor a nosa lingua” sinalou Goretti sobre esta representación.
«O Conto de Barriga Verde»
O espectáculo presenta a obra de Manuel María –a poesía, a dramaturxia e a narración– dun xeito sinxelo, divertido e accesible para o público infantil. A trama principal desta obra unipersoal baséase na clásica historia de amor entre Fiz e Catuxa, dous rapaces galegos, que, coa axuda de Barriga Verde, superarán todas as trabas e probas que Brouxán o leñador e o Demo lles poñan.
Pero a gran diferenza é que, na nosa historia, o popular Barriga Verde non soluciona os conflitos con violencia, senón que emprega o enxeño e a maxia. Asemade, a presenza de Berenguela –a espiña de toxo máxica– e a presentación de diversos elementos do espectáculo a través de poemas de «Os Soños da Gaiola», converten «O Conto de Barriga Verde» nunha orixinal proposta de narración.
«Retrincos de Castelao”
O espectáculo «Retrincos de Castelao» aborda a figura de Castelao artista desde dous puntos de vista: o Castelao narrador e o Castelao viñetista. Ao longo dos 60 minutos de duración, Zeltia –a rapaza protagonista– vai descubrindo a obra e a vida de Castelao a través das narracións e dos debuxos que lle presenta Pedro, un morto que recompila historias de mortos para entregarllas ao xenial escritor de Rianxo, en clara referencia ao personaxe do mesmo nome do libro «Un Ollo de Vidro»
Material promocional
Ademais de diverso material promocional, o DAC Outono Cultural distribúe un «xogo da oca» personalizado con preguntas relacionadas coa temática do Programa, en especial coas Irmandades, Manuel María e Castelao, nos centros educativos e un xogo de lapis.
Toda a información do Programa tamén se poderá atopar nas redes sociais, en Galicia Ártabra, e na web: outonocultural.dacoruna.gal. Gabinete de Prensa tel.: 659 140 844