O PAI da Deputación reduce en 4 millóns de euros a débeda dos concellos de Ferrolterra

Desde a Deputación de A Coruña informaron que o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) provincial, nas súas convocatorias de 2015 e 2016, «permitiu que os concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal reducisen a súa débeda en 3.999.278 euros». «Esta axuda ás economías municipais consiste nun programa anual de créditos sen xuros que a Deputación pon a disposición dos concellos que o soliciten para facilitar a amortización da súa débeda e financiar obras, en función do seu nivel de endebedamento», fixeron saber, asegurando que «os municipios só teñen que devolver o importe principal prestado, nun prazo de dez anos. Ademais, a Deputación vén de aprobar, no último pleno, a ampliación do prazo de carencia, que pasa de dous a catro anos».

Dos 17 concellos de Ferrol, Eume e Ortegal que solicitaron fondos do PAI en 2015 e 2016, catro dedicaron a súa asignación unicamente á redución de débeda. Trátase de Ares (269.186 euros), Moeche (130.065 euros), Neda (261.989 euros) e Ortigueira (760.157 euros). Doutra banda, cinco concellos demandaron só investimentos : Mañón (329.000 euros), Pontedeume (169.000 euros), As Pontes (352.775 euros), San Sadurniño (207.294 euros) e As Somozas (399.571 euros).

Os oito concellos restantes optaron por combinar ambas fórmulas. É o caso de Cabanas, con 83.342 euros para redución de débeda e 96.428 de investimentos; Cedeira, con 226.945 euros para redución de débeda e 212.115 para investimentos; Fene, 72.436 euros para redución de débeda e 378.271 para investimentos; Ferrol,  556.420 para redución de débeda e 356.598,18 para investimentos; Monfero, 91.923 euros para redución de débeda e 194.600 para investimentos; Narón, 905.817 euros para redución de débeda e  83.744 para investimentos; Valdoviño, 396.282 € para redución de débeda e 31.009  para investimentos,  e Cariño, 244.711 para redución de débeda e 47.039 para investimentos.

En total, o PAI da Deputación deixa 2.957.449 euros para investimentos e case catro millóns para redución de débeda nos concellos de Ferrol, Eume e Ortegal.

Casa da Xuventude e Centro Municipal de Empresas en San Sadurniño

Entre os investimentos que financian os fondos da Deputación na zona, atópase a creación da Casa da Xuventude e do Centro Municipal de Empresas en San Sadurniño.

A axuda provincial ascende a 84.500 euros para a execución da nova Casa da Xuventude, que se situará no Convento do Rosario, no espazo antes dedicado ao cuartel da Garda Civil e á oficina municipal de emprego. Estes novos locais estarán a disposición dos mozos do concello, para que poidan desenvolver actividades variadas, cursos e obradoiros. O espazo tamén contará con locais de ensaio e unha sala de gravacións totalmente acondicionados acusticamente.

A intervención respectará ao máximo posible o antigo convento, conservando todos os elementos en bo estado. Ademais, introduciranse instalacións e mecanismos sostibles e respectuosos co medio ambiente, e medidas de accesibilidade e eliminación de barreiras para as persoas con mobilidade reducida.

Os sadurniñeses tamén contarán cun novo Centro Municipal de Empresas, grazas á axuda de 69.370 euros do Plan de Aforro e Investimentos. Este espazo contará con máis de 390 metros cadrados, no Lugar do Casal, no edificio coñecido como o Anexo ao Pazo da Marquesa.

Así mesmo, o PAI financia outras obras en San Sadurniño coma a pavimentación dos camiños de Cadavás, O Seixo e A Fraga, con 53.424 euros.

Outras actuacións financiadas polo PAI para a mellora de edificios sociais e áreas de ocio público executaranse no centro cívico ferrolán Carvalho Calero e nas pistas polideportivas e parques infantís de Fene.

O concello de Ferrol destinará 116.798 euros a reparar a cuberta do centro cívico situada na praza do Inferniño, deteriorado a causa de filtracións de auga de choiva.

Doutra banda, en Fene acondicionarase a pista polideportiva de Magalofes, con actuacións coma a reposición do sistema eléctrico, a carpintería exterior da fachada principal, o pintado interior do edificio e o subministro e montaxe de postes e rede para tenis. Este proxecto, financiado con 42.915 euros do PAI, tamén inclúe a adecuación de áreas de xogos infantís na Praza do Ameneiral (Perlío), a Praza do 10 de Marzo (San Valentín) e os parques Rosalía de Castro (Perlío) e Hortiña (Limodre).

Acondicionamento e mellora de viais

Unha gran cantidade de sendas, estradas e camiños serán mellorados con cargo ao PAI. É o caso da pista ao Mirador da Miranda, lugar de alto interese turístico do concello de Cariño. Un total de 47.039 euros do PAI irán destinados á reparación e pavimentación desta vía, que discorre en dirección a San Andrés de Teixido, ata un miradoiro que permite contemplar unha panorámica da vila de Cariño e de practicamente a totalidade da ría de Ortigueira, ademais da riqueza medioambiental da Serra da Capelada.

Varios viais de Ferrol recibirán unha inxección económica de 148.220 euros para acometer melloras e reparar deficiencias. En concreto, os tramos que se reformarán con cargo ao PAI sitúanse en Caranza, Serantes, Santa Marina e Recimil.

No concello de Monfero, a axuda de 163.076 euros da Deputación permitirá a reparación e mantemento da rede viaria municipal en Taboada e Val Xestoso, que presenta varias deficiencias na capa de rodaxe, co conseguinte perigo e prexuízo para os veciños. Ditos traballos executaranse entre Escollera e Eume, na parroquia de Taboada, e no tramo entre e Camiño Foxo, Abeleira e Casa da Fragas, na parroquia de Val Xestoso.

En Mañón, executaranse reparacións en accesos ao centro escolar do Barqueiro (33.738 euros) e tamén no firme da Rúa Landín Carrasco, en Bares, e no Camiño Bico do Seixo ao Fabriquín (33.138 euros). Así mesmo, o PAI financia con 71.170 euros melloras na iluminación do área recreativa de Mogor e da casa do Concello.

Nesta mesma liña, o concello de Fene utilizará 57.856 euros dos fondos provinciais para executar a pavimentación dos camiños da Revolta e Formosende (Fene), a rúa río Cádavo (Perlío), o Camiño do Castro desde os Loureiros (Barallobre) e os camiños de Valadoiro e do Valado (Sillobre). Tamén en Fene pavimentarase o Camiño do Catalán, na parroquia de Maniños, con cargo a 80.451 euros do Plan de Aforro e Investimentos.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …