O Padroado da Cultura de Narón convoca un ano máis o Concurso de Pintura Cidade de Narón. A vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, recordou que a cita alcanza este ano a súa oitava edición e recalcou que que a Asociación de Veciños Ceibe de San Xiao colaborará novamente nesta proposta, que se desenvolveu varios anos no local social da AVV «pero que por motivos tanto de seguridade como de espazo acordamos trasladar ao Pazo da Cultura», indicou. A convocatoria repartirá este ano un total de 2.850 euros en premios. As bases do certame, así como a folla de inscrición, poderán descargarse a partir de mañá na páxina web do Concello de Narón –www.naron.es- e tamén na do Padroado da Cultura –www.padroadodecultura.es-.
A vicepresidenta do Padroado da Cultura explicou que se estableceron dúas categorías, participando no concurso só a de adultos, para persoas a partir de 16 anos, aínda que tamén haberá unha infantil, para rapaces de ata 15 anos. A temática e a técnica dos traballos a presentar será libre, debendo tratarse de obras orixinais e entregando unha por autor, enmarcadas ou protexidas e de 50×50 centímetros como mínimo, sen poder superar os 120 centímetros de lado.
As persoas interesadas en participar poderán presentar as súas obras desde mañá, día 27, ata o vindeiro 18 de novembro no Pazo da Cultura e un xurado formado por tres profesionais, entre eles o gañador da edición deste certame en 2016 e un representante municipal que actuará de secretario, encargarase de seleccionar as que pasarán á fase final do certame, que se exporán no propio Pazo do 19 ao 26 de novembro, de 9 a 14 e desde as 17 ata as 21 horas de luns a venres, e de 10 a 14 horas os sábados. Todos os participantes recibirán un agasallo e na categoría de adultos haberá tres premios, de 1.500; 750 e 400 euros, respectivamente, para os autores das tres mellores obras, e tamén o premio especial Francisco Criado, de 200 euros, en recoñecemento este último ao pintor que lle da nome, orixinario de San Xiao. A obra gañadora, que será a base do cartel da seguinte edición deste certame, pasará a ser propiedade do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o autor da mesma terá dereito a que se expoña 15 días no Pazo. O acto de entrega de premios terá lugar o 23 de novembro, coincidindo coa celebración do Día de Narón, ás 20 horas no Pazo da Cultura. Así mesmo, desde a organización explicouse que a persoa que obteña o primeiro premio non se poderá volver a presentar a este concurso nas vindeiras cinco edicións.
Marián Ferreiro animou aos veciños de Narón e doutros concellos a participar neste concurso de pintura. «Este certame representa unha moi boa oportunidade para todos aqueles afeccionados á pintura que desexen dar a coñecer o seu traballo», asegurou. Así mesmo, a vicepresidenta do Padroado da Cultura agradeceu a colaboración prestada pola AVV Ceibe de San Xiao «desde onde ano tras ano as veciñas e os veciños traballaron para manter esta convocatoria dentro do calendario de actividades a desenvolver na nosa localidade».
Así mesmo, Ferreiro destacou que esta proposta «contribúe tamén a fomentar as artes plásticas entre a veciñanza», e recordou ao respecto a existencia, entre a oferta das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura, das Escolas de Debuxo, nas que cada ano se matriculan máis de medio cento de persoas de diferentes idades.