Narón acolle varias actividades con motivo do «Samaín»

A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro; o secretario e o vicepresidente da Asociación de Veciños San Mateo de Trasancos, José Manuel García e José Antonio Fernández, respectivamente, presentaron hoxe os actos programados con motivo da vixésima edición do Samaín. As actividades previstas, dirixidas aos nenos e ás súas familias, desenvolveranse nas xornadas do 30 e o 31 de outubro, no Centro Cívico Social de San Mateo, nunha carpa localizada nas inmediacións do edificio e na antiga escola de San Mateo.

O día 30 pola tarde, a partir das 17 horas, haberá obradoiros de decoración de cabazas e de maquillaxe baixo unha carpa localizada nas inmediacións do centro cívico. Na carpa que se localizará nas xunto ao centro cívico permanecerán expostas as cabazas decoradas por alumnado de centros da localidade. «Este ano un total de setecentos rapaces e rapazas implicáronse nos obradoiros de cabazas (dunha duración de case unha hora) que desde o Padroado da Cultura se programaron nos centros públicos e privados de Narón para alumnado de terceiro e cuarto de Primaria», explicou Ferreiro. A vicepresidenta do Padroado apuntou que os obradoiros convocados tamén con cabazas durante os dous días na parroquia de San Mateo «permitirán a persoas doutras idades participar nesta actividade, non limitando así a unha franxa de idade moi concreta aos seus destinatarios e dando as mesmas oportunidades ao resto de xente interesada en participar».

O día 31 programáronse varios actos con motivo do Samaín, entre eles, de 17 a 19 de novo os obradoiros de maquillaxe e cabazas, cunha merenda incluída para os nenos e nenas que participen. Haberá tamén unha sesión de Contos do Samaín, a partir das 19:15 horas, a cargo de Celso Sanmartín no centro cívico. Ao igual que en edicións anteriores, unha «Comitiva de Luces e Tebras» recreará, desde as 20 horas, as manifestacións da mitoloxía galega popular en torno ao mundo dos mortos, realizando un pequeno percorrido pola zona do local social no que os participantes portarán candeas nas súas mans. Finalmente, a partir das 20:45 dará comezo o Obradoiro do medo, na antiga escola, donde se habilitará un labirinto onde poder experimentar vivencias tenebrosas.

Os asistentes terán tamén a oportunidade de degustar a un prezo simbólico dun euro unha cunca de caldo, acompañado de liscos, pan e bebidas sen alcol. Serán as persoas maiores da parroquia de San Mateo as encargadas de cociñar o caldo para esta ocasión.

A convocatoria do luns día 31 de outubro contará ademais coa participación do Grupo de gaitas do Padroado da Cultura, encargado de amenizar a xornada.

Os representantes da entidade veciñal de San Mateo de Trasancos agradeceron a colaboración do Padroado da Cultura un ano máis nesta actividade e destacaron o éxito que rexistra ano tras ano, ao implicarse na mesma centos de persoas. Pola súa parte, Marián Ferreiro, que animou á veciñanza a acudir a esta cita, valorou a participación da cidadanía nesta convocatoria «coa que mantemos unha tradición cultural dun xeito lúdico á vez que educativo dun xeito interxeracional, implicando a persoas de diferentes idades, ao tempo que contribuímos a consolidar esta cita entre as programadas nas parroquias da zona rural do municipio».

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …