A Valedora do Pobo arquiva a denuncia de ENE sobre o Regulamento Orgánico Municipal de Narónj

(Fot. GAD)
(Fot. Galicia Ártabra)

A Valedora do Pobo arquiva a denuncia de ENE sobre o Regulamento Orgánico Municipal tras valorar o contido dos informes presentados ao respecto polo goberno local

A Valedora do Pobo, Milagros María Otero, arquivou o escrito presentado polo representante de Eliximos Narón Electores (ENE), disconforme co Regulamento Orgánico Municipal, no que se regulan, entre outros asuntos, as mocións e determinan as que se poden incluír nas sesións plenarias de carácter ordinario.

Vista a documentación remitida desde Alcaldía, a Valedora incide no feito de que a tramitación e aprobación do documento levouse a cabo cos votos favorables de vinte dos vinte e un concelleiros da corporación local naronesa (todos menos o de ENE). No que respecta ao número máximo de mocións que se poden presentar por pleno, dúas por grupo, a Valedora recurre á información enviada desde o goberno local na que se explica que se adopta a medida «para evitar unha duración excesiva destes actos, e mesmo proscribir unha tendenciosa utilización dos tempos por parte daqueles grupos que, por ser minoritarios, pertenden obter nas sesións o peso que as urnas lles denegaron».

Ao mesmo tempo, a medida permite dotar os plenos de «superior eficacia e efectividade» e, tal e como se indica, o feito de non limitalas, ao igual que o tempo das intervencións dos edís, «non parecen medidas prudentes nin axeitadas, senón coadxuvantes do fenómeno coñecido como filibusteirismo», tal e como se indica no documento enviado desde o Concello a Milagros María Otero.

No escrito remitido pola Valedora do Pobo alúdese tamén ao informe municipal para apuntar que «non se preveu ningunha limitación discriminatoria con ningún grupo municipal» e tamén se recorda que a Xunta de Portavoces se comprometeu a estudar a posibilidade de incrementar puntualmente o número de mocións a debater nos plenos, no caso de producirse acontecementos excepcionais e a xuízo da maioría dos seus membros.

O informe califica ademáis de «falsa» e «torticeira» a afirmación de que «os grupos de goberno poden presentar calquera proposta e a oposición non, ao tratar de igualar as mocións coas propostas de goberno que corresponden precisamente a aqueles representantes públicos aos que o pobo elixiu para gobernar».

Así mesmo, na avaliación realizada por Otero tamén se ten en conta, tal e como se informou desde o goberno local, que o edil de ENE non efectuou ningunha alegación contra o proxecto de regulamento no período que permaneceu a exposición pública o documento para a súa aprobación inicial, nin interpuxeo recursos unha vez aprobado definitivamente e publicado. O feito de que a normativa ten «vocación de permanencia e eficacia normativa» foi tamén destacado pola Valedora do Pobo.

A conclusión da Valedora vén a dar a razón ás declaracións realizadas hai tan só uns días polo alcalde naronés, José Manuel Blanco, en relación ao portavoz de ENE. O rexedor local destacou o feito de que a resposta de Milagros María Otero «é un paso máis para intentar paralizar a actitude deste edil, que con este tipo de actuacións obriga ao funcionariado a realizar un traballo extra para contestar a asuntos que teñen un carácter máis administrativo que político».

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …