O Padroado da Cultura de Narón prolongará ata este venres 7 o prazo de matrícula nas Escolas Culturais Municipais para o curso 2016-2017 por mor da elevada demanda que se está a rexistrar. As persoas interesadas en inscribirse poderán elixir entre as oito Escolas Culturais de corte tradicional do Padroado, en función da idade dos rapaces, e as catro Escolas Artísticas ou as impulsadas en colaboración coa Asociación Cultural Musical Sementeira. A concelleira de Cultura e vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, destacou o éxito das Escolas Culturais Municipais, «unha realidade constatada polo feito de que preto de 1.300 persoas, non só de Narón, senón tamén doutros concellos da comarca, se matriculasen no curso 2015-2016 nas diferentes propostas ofertadas desde o Padroado da Cultura».
En canto ás Escolas tradicionais, poderase elixir entre as de: Danza tradicional ou Canto e pandeireta (para nenos a partir de 5 anos); Gaita ou Percusión tradicional (desde os 6 anos); Acordeón e Zanfona (a partir de 8 anos); Construción de instrumentos (desde os 16 anos) e O Recuncho dos Pequechos (para menores de 3 e 4 anos).
As modalidades ofertadas a través das Escolas Artísicas son: Teatro (a partir de 4 anos) e Debuxo (desde 6 anos). Así mesmo, impartiranse cursos de Acceso na Escola de Formación de Actores e Actrices (a partir de 16 anos).
As persoas interesadas en asistir a algunha das escolas culturais, tanto de corte tradicional como artístico, poderán anotarse ata este venres, 7 de outubro, nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de luns a venres de 09 a 14 e desde as 17 ata as 19 horase tamén os sábados de 10 a 13 horas. O prezo é de 63,10 euros ao ano por cada un destes cursos, podendo aprazar o pago as persoas que se matriculen en tres escolas ou máis.
No caso da Escola de Actores e Actrices, as matriculacións para cada un dos tres cursos que se imparten teñen un prezo de 208 euros e a actividade de Bailes de Salón, a patir de 4 anos, custa 31,60 euros a matrícula, sendo preciso neste último caso pagar unha cuota de 15 euros ao mes.
Así mesmo, tamén o día 12 abrirá o prazo de matrícula nas escolas de música da Asociación Cultural Musical Sementeira, permanecendo aberto ata o 24 de setembro. Música en movemento (para nacidos no 2010 e 2011); Iniciación á linguaxe musical (no 2009); Linguaxe musical (do 2008 e anos anteriores); Linguaxe musical para adultos; Coro infantil (complementario a Linguaxe musical); Harmonía; Linguaxe musical e harmonía son algunhas das opcións. A todas elas súmanse tamén as de Especialidade de instrumentos (frauta traveseira, óboe, clarinete, saxofón, fagot, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, violonchelo, contrabaixo e percusión). Para todas estas actividades as matrículas deberán formalizarse na oficina da Asociación Cultural Musical Sementeira –no segundo andar do Pazo da Cultura-, de luns a venres entre as 11 e as 13 e de 17 a 19 horas e os sábados de 11 a 13 horas. Os prezos de matrícula son de 68 euros en cada unha das actividades, máis unha cuota mensual de 10 ou 20 euros, dependendo da opción elixida (é obrigatorio a cota de socio, de 25 euros anuais). A cota establecida para os instrumentos das clases é de 10 euros ao mes para os nenos e nenas e de 35 euros para os adultos, cunha matrícula tamén de 68 euros. As persoas interesadas en recibir máis información poden chamar ao número de teléfono 699 458 267.