Nun pleno extraordinario o goberno local de Narón aprobou unha modificación de crédito de 1,5 millóns de euros

naron-pleno-9-9O goberno local de Narón aprobou na mañá deste venres nun pleno extraordinario unha modificación de crédito por importe de 1,5 millóns de euros procedentes dun superávit consolidado de 3,5 millóns do exercicio de 2015. Do total da partida, 928.000 euros destinaranse ao pago de débeda bancaria e uns 575.000 a investimentos (adquisición de bens e actuacións de eficiencia enerxética, entre outros). O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, defendeu o equilibrio orzamentario do Concello, «tal e como se constata nos informes técnicos», e destacou a importancia de reducir a débeda bancaria con cargo a esta partida, «o que nos permite continuar reducindo a cifra destinada a pago de intereses ás entidades bancarias», segundo informa o gabinete de comunicación do concello

En canto á citada débeda Villamar lamentou as acusacións formuladas polo portavoz do PP no Concello, ao que acusou de «obrar de mala fe». «Como ben debería saber pola súa profesión o voceiro do PP, a normativa experimentou varios cambios e aplicando os criterios actualmente en vigor, como non pode ser doutro xeito, a débeda da que el fala no ano 2010 de 330,01 euros por veciño hoxe en día sería moito inferior en Narón, concretamente de 199,19 euros por naronés», explicou. O edil asegurou tamén que «os que están tomando o pelo aos veciños e veciñas son vostedes, desde o Partido Popular».

O responsable de Promoción Económica dirixiuse novamente no pleno ao portavoz do PP na localidade para recordarlle que no ano 2010 a partida de investimentos do Concello foi de 4,3 millóns de euros, dos que tan só 396.000 eran recursos propios e o resto procedentes doutras administracións ou préstamos bancarios. «No exercicio de 2015, tal e como figura no orzamento, o investimento inicial con recursos propios ascendeu a 444.338 euros, aos que hai que sumar os case 2,4 millóns de euros de investimento sostible», apuntou o edil. Villamar asegurou que «o cumprimento da estabilidade orzamentaria é unha realidade en Narón e non o dicimos os políticos, senón que o constatan os informes de Intervención, que se tivo ocasión de ler o PP, din que cumprimos o obxectivo de estabilidade orzamentaria, o da regra de gasto e o límite de débeda».

Por último, o concelleiro de Promoción Económica destacou o feito de que o pasado ano se executase o 82% do orzamento de gasto, retando ao portavoz popular a que indique en cantos concellos gobernados por eles en España se alcanzou esa cifra. Villamar aludiu ao respecto ás loanzas feitas en localidades veciñas gobernadas polo PP «cando o nivel de execución do orzamento está incluso moi por debaixo do rexistrado en Narón». Así mesmo, o edil incidiu en que as partidas relacionadas con áreas como Servizos Sociais «executáronse nun cen por cento» e no feito de que moitos dos investimentos recollidos responden a actuacións de carácter plurianual.

Na sesión plenaria aprobouse tamén un expediente de modificación de crédito por importe de 30.749 euros que se destinará ao servizo de Axuda no fogar, para persoas con dependencia, e un recoñecemento extraxudicial de crédito duns 5.700 euros para o pago de facturas.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …