Necesitamos soberanía alimenticia

miguel anjoMiguel Anjo González García
Vivimos nun mundo onde a maioría dos alimentos que comemos se producen en grandes pradarías e explotacións, cando non hai moitos anos, cada país producía a maior parte dos alimentos que consumían os seus habitantes.

No Estado español, milleiros de porcos entran a diario de sudamérica e outros países e polo contrario outros tantos saen do Estado español cara a Europa, por poñer un exemplo. Un trasfego de animais que non se pode xustificar desde un punto de vista da coherencia e que aparte do impacto ambiental polas emisións de CO2 producido por este tráfico, só vén a beneficiar as grandes compañías que crían e engordan este tipo de animais para o consumo alimentario humano.

Ao mesmo tempo os produtos agrícolas cultívanse en grandes extensións de terra, en pradarías onde non hai ningún tipo de vida nin crece nada se non se botan os químicos necesarios. Ademais nestas pradarías, se a temperatura sobe por mor do cambio climático máis de 2 graos, como se espera para a metade-fin de século na Terra, se non se toman as medidas necesarias para deixar de botar carbono á atmosfera, a gran maioría delas van facer crak, o cal vai supoñer un serio problema de seguridade alimentar.

Máis, falando da nosa terra, Galiza, nós antes de entrada na CEE eramos un país excedente en produtos agrícolas e gandeiros. Exportabamos ao resto do Estado e tamén a Europa, e coa entrada da CEE veu a supoñer o desastre (como así o indicou o BNG no seu momento) para o agro galego. Soamente no período 1985-2013 se produciu a perda dun 85% dos traballadores do agro co cal, isto trae consigo que hoxe en día, en moitas explotacións teñan falta de man de obra e ademais supuxo tamén unha perda de habitantes do rural. Neste período desapareceron 2/3 das explotacións e esta perda de explotacións supuxo, que a superficie agraria por explotación na Galiza estea por debaixo do 40% da media da UE que, á súa vez, trouxo como consecuencia, que a renda económica por explotación ou traballador sexa das máis baixas da UE. Ao mesmo tempo a liberalización dos mercados agrícolas a partir do 2007 obrigou a continuos cambios nos prezos dos produtos, co cal os grandes afectados foron os agricultores e gandeiros galegos

Por todo isto é fundamental que Galiza volva a ser un país que teña capacidade (e a termos) para alimentar a nosa poboación, ademais de ser un nicho de traballo moi importante que traería consigo unha potenciación do noso rural, debido ao asentamento de poboación e que faría que este se dinamizase coa volta de servizos. Hoxe en día, sábese que un xeito de ser un país soberano é non depender da importación de alimentos para alimentar a súa poboación e aínda que a nosa balanza coa UE din os expertos que é boa, dependemos moito das importación do Estado español e de países de fóra da UE. Máis é certo que aquí na Galiza estamos a sufrir unha invasión de certos produtos (leite, patacas etc…) a uns prezos seguramente por debaixo de custo cos cales, os nosos agricultores e gandeiros non poden competir. Xeralmente estes produtos veñen da Francia, onde os diferentes gobernos franceses si se preocupan polo seu agro, xa que, como eles din, mellor ter o rural a producir e crear riqueza e non tirado a monte, Porque non toda a culpa deste desastre é da UE. Madrid é o maior culpábel do desmantelamento do noso agro, xa que, ten a capacidade pra redirixir e compensar as políticas europeas mais, os seus intereses están noutras zonas do Estado e non en Galiza

Galiza, polo seu clima, ten unha das terras máis fértiles, de onde saen produtos de gran calidade. Desde patacas, verduras, froitos así como carnes (agora estase a descubrir as potencialidades das razas vacún e porcina da nosa terra) leite, os cales, teñen poucos competidores en calidade polo menos en Europa co cal, debemos esixir ao goberno galego do PP que protexa e potencie aos nosos produtores, primeiro demandando que as axudas que veñen da UE para o agro galego as xestione o 100×100 de xeito eficaz a Xunta de Galiza e non Madrid, investindo en políticas reais que axuden aos nosos labregos e gandeiros e faciliten que cada vez máis xente aposte polo agro e a gandería como forma de emprego. Por outra parte tamén debemos esixir a Xunta de Galiza que non sexamos so un pais produtor senón, hai que pedir que a industria transformadora estea tamén situada na nosa terra e sexa de capital galego e non, o que esta a facer o Sr. Núñez Feixoo, que é, estar pasivo ante a venda da nosa industria do sector primario. Por poñer un exemplo, mentres producimos o 40% do leite do Estado, soamente o 10% da industria transformadora que hai no Estado está asentada na Galiza e desta só a cuarta parte é de capital galego. Por último debemos protexer os mercados ante a chegada de produtos foráneos os cales, están a prezos por debaixo do seu custe de produción na maioría dos casos.

Xa para rematar, nós os galegos e galegas tamén podemos facer moito por noso agro, simplemente consumindo produtos galegos, indo aos mercados que hai en todas as vilas e cidades a mercar directamente aos nosas labregas os produtos de temporada de inigualábel calidade co cal, estaremos investindo nunhas das potencialidades de produción e de emprego que ten este país ademais de, reducir a nosa dependencia alimentar co exterior e, de paso, diminuír as emisións de CO2 a atmosfera.

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …