O local social de Terra Galega, localizado no barrio de Santa Icía (A Solaina) –no baixo do número 9 da rúa Reis Católicos-, acollerá o vindeiro martes, 12 de xullo, unha xuntanza na que se procederá a elixir ao novo Comité Local do partido no municipio. A convocatoria desenvolverase a partir das 20.30 horas e o prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o día anterior, o 11 de xullo, a última hora da tarde.
O actual Comité Local está integrado por un total de dez persoas, sendo o coordinador local Avelino Rouco. As diferentes secretarías osténtanas Natalia Hermida, de Política Municipal; Guillermo Sánchez Fojo, de Finanzas; Maribel Mauriz, de Acción Social e Bruno González, de Actas. O resto de integrantes do citado Comité de Terra Galga son vogais.
A elección dos novos cargos terá lugar dous meses despois de celebrarse o Congreso Nacional de Terra Galega, que tivo lugar o pasado mes de maio na Casa da Cultura de Coristanco e no que saíu reelixido por unanimidade como secretario xeral do partido o naronés Guillermo Sánchez Fojo.
Nun comunicado Terra Galega sinala que «O equipo que forme parte do novo Comité Local continuará traballando na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Narón, prioritariamente, como vén facendo desde a creación do partido e a súa irrupción na vida política do Concello naronés.
Así mesmo, os integrantes do Comité Local xogarán un destacado papel nas eleccións autonómicas previstas para o vindeiro mes de outubro».
Así o anunciou Sánchez Fojo, que subliñou o feito de que «non podemos ficar calados vendo a situación que atravesa actualmente Galiza». O secretario xeral de TEGA defendeu a labor que xogará esta formación nacionalista, xunto con outras forzas, buscando unha unidade cun obxectivo común, que non é outro, recalcou, que «lograr que as políticas galegas teñan unha presencia activa no Parlamento autonómico».