A rapa das bestas é unha tradición que ten como finalidade sanear o gando salvaxe; un costume que volve estar presente no calendario estival cedeirés da man da Asociación A Crina e a colaboración do propio Concello.
A festa do 2016 terá lugar na xornada do próximo domingo no curro situado na Serra da Capelada. O programa arrincará sobre as once da mañá coa chegada ao curro dos cabalos apresados no monte. Despóis de separar as nais das crías, volverán repetirse as vellas imaxes da loita do home cos animais; unhas instantáneas que se sucederán ao longo da mañá ata que todo o gando quede libre de crinas e parasitos.
O grupo de gaitas e baile Buxainas encargarase de poñer música a un programa que pola tarde, a partir das 16:30 horas, dará paso a distintas probas de cabalos de montura. Andadura e galope son algunhas das previstas.
Desde a organización animaron ás persoas a disfrutar dunha actividade ancestral, unhas vistas inmellorables e un magnífico ambiente. Tamén haberá postos nos que se poderá xantar e compartir un día de festa.