A noite de San Xoán,o lume, a auga e algo máis

hoguerasO Foro de Amigos de Ferrol dirixe a súa atención á tradicional festa de San Xoán, de ancestral celebración en Ferrol e a súa comarca.

 

                                                                                                     ¿ Quén pode esquecer a noite,

                                                                                                       a noitiña de San Xoán,

                                                                                                       co seu séquito de bruxas,

                                                                                                       fogueiras, baños no mar,

                                                                                                       augas de rosas, parrandas,

                                                                                                       troulas, bailes…. e aínda máis ?

                                                                                                      Alfredo Brañas

A orixe da maioría das festas tradicionais galega ten un carácter agrario relacionado cos catro elementos que propician a vida: o fogo, a auga, a terra e o ar. A súa vez, estes catro elementos están nunha directa relación coas catro estacións do ano, tendo lugar nos cambios das mesmas as máis importantes festas que celebra a sociedade tradicional.

A festa de San Xoán é unha das máis importantes do ano, sendo o santo que recibiu o culto máis intenso nos países cristiáns de Europa e dos máis representados no santoral católico; tan só en Galicia é o patrón de vinte concellos. Ademais San Xoán Bautista ten o padroado, entre outros, de músicos, xastres, peleteiros e hostaleiros, herdando a súa festa unha serie de prácticas, ritos e costumes precristiáns.

A roda de San Xoán. Alfonso R. Castelao
A roda de San Xoán. Alfonso R. Castelao

Aínda que a súa festa é o día 24 de Xuño, a súa celebración comeza a véspera, mentres que a súa relación co mundo da bruxería así como co lume, a auga e as plantas interesou a antropólogos e estudosos da cultura, para os que esta festividade representa a loita entre as forzas do ben e do mal. Durante unha das noites máis curtas do ano, coa presenza dos elementos terra, fogo, ar e auga, na compaña de música e danza, o ambiente énchese dun espírito máxico que o embebe todo.

Un elemento relacionado con esta festa é a auga, sempre chea de carga simbólica, tanto aquela que procede de fontes milagreiras ou de lagoas lendarias, como no caso do baño fecundante das nove ondas en certas praias ou debaixo das pontes dalgúns ríos, ao chegar a media noite. Outra práctica tradicional é o lavado da cara na amañecida de San Xoán coa flor de auga procedente do rosada da noite anterior

 San Xoán na praia de Riazor. A Coruña

San Xoán na praia de Riazor. A Coruña

Nesta festa ten gran importancia o mundo vexetal. Os mozos colocan nas casas das rapazas herba boa, flor de San Xoán e outras flores e nas vivendas penduran ramos de sabugueiro, loureiro e espadanas para escorrentar diaños e bruxas. Entre as moitas plantas recendentes que se recollen, sempre antes do abrente, para a súa utilización con fins sanadores ou simplemente profilácticos, pódense lembrar o fiúncho, dedaleira, codeso, fento macho, malva, lavanda, romeu, herba luisa e bieiteiro.

No que atinxe ás tradicións do imaxinario popular galego, en poucos casos como San Xoán pódense citar tantas lendas, contos, coplas e refráns ao seu arredor. Personaxes como Xan de Arzúa, Xoán de Outeiro, Xan Carallas ou Xoán Soldado son protagonistas de moitos contos e cantigas galegas. Numerosos refráns como «En San Xoán, tanto queixo como pan», «Por San Xoán a sardiña molla o pan» ou «En San Xoán a fouce na man», son exemplos da raizame popular da festa. De axustada aplicación a tanto persoeiro recen chegado á política, está o vello refrán destas datas: Xente nova e leña verde, todo é fume.

En Galicia a festa de San Xoán ten gran raizame popular, sendo máis de duascentas as freguesías baixo o seu padroado. Un costume xeneralizada desta festa é o aceso a media noite de luminarias, fogueiras ou cacharelas nas prazas, nos rueiros, nas encrucilladas e nos cumios dos montes, pero sempre en espazos comúns como exemplo de colaboración veciñal. Persisten antigos ritos e costumes como o de carrexar os rapaces a leña desde corenta días antes, saltalas nove veces para atopar parella ou bailar arredor das fogueiras as mozas e mozos collidos da má. Nos últimos tempos a inevitable cultura folclórica das rancias sardiñadas e das postmodernas queimadas veñen a engadir un oportunista toque gastronómico a esta celebración.

No eido rural, cando o lume vai morrendo, faise pasar o gando por riba das cinzas para libralo do meigallo, espallando logo as cinzas nas hortas para obter unha boa colleita. Outra costume é a de engadir leña verde para facer moito fume e escorrentar as bruxas e meigas. Outros ritos son os de adiviñación do porvir, usando na media noite un ovo escachado nun prato con auga e ver a forma que adopta na mañá seguinte. Tamén temos o costume de ver «bailar o sol no abrente», subindo a un outeiro para contemplar o fenómeno da refracción do sol na amañecida do día máis longo do ano.

Algúns concellos galegos están a recuperala costume de acender as fogueiras de San Xoán, cunha intención tinguida de populismo barato e de certo cheiro propagandista, mentres esténdese hoxe a costume de que a xente nova levante as luminarias nas praias das cidades importantes, caso da Coruña, chegando á tolería de saltar as olas do mar turbulento en estado de embriaguez. Deste xeito certos mozos e mozas xustifican a súa afección ao consumo a esgalla de alcohol e o posterior vandalismo. Cousas dos amigos e seareiros das Mareas Baixas.

Luminaria de San Xoán. Esteiro
Luminaria de San Xoán. Esteiro

En Ferrol xa non teñen lugar aquelas grandes fogueiras de tempo atrás como a do barrio de Canido, baixando cara á fonte de Insúa, ou a da estrada de Castela, no cruce de San Xoán de Filgueira, onde tralo paso do derradeiro tranvía se lle plantaba fogo na media noite. Varias parroquias rurais e barrios urbanos de Ferrol seguen a levantar as súas fogueiras na véspera de San Xoán. Quizais a máis coñecida sexa a monumental e tradicional luminaria do barrio de Esteiro, acesa sucesivamente fronte ao Cuartel de Dolores, no campo de Batallones e no praza de Ferrándiz, pero sempre coa mantida tradición e a concorrida presenza dos veciños do barrio.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …