O lugar de Vilasuso, na parroquia do Val, será o vindeiro sábado 18 o escenario de representación das Lendas da Pena Molexa. O Concello de Narón, a través da área de Cultura, e a asociación veciñal Os Irmandiños, do Val, colaboraron un ano máis na organización dun programa que deu comezo o pasado 4 de xuño e que rematará o sábado. Veciños da parroquia que acoden ás clases da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón serán os protagonistas da tradicional recreación das lendas.
O programa comezará ás 18 horas cunha xornada de xogos populares e de deporte rural. A música tomará o relevo a partir das 20:30 cunha actuación a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura e desde as 21 horas serviranse as primeiras racións de churrasco molexo e bocata lopeso –a prezos populares- preparadas na zona para a ocasión. A música regresará novamente á programación festiva a partir das 22:30 horas da man do grupo Os Campantes da Baña.
A tradicional recreación das Lendas da Pena Molexa será a partir medianoite. Nesta ocasión, o alumnado de Silvia Casal, profesora da Escola de Teatro de Narón, escenificará dúas lendas, unha protagonizada por unha moura e outra por un rei e varios guerreiros, ambas coincidindo no tempo so solsticio de verán. A posta en escena terá lugar nun entorno inmellorable, xunto ao Castro de Vilasuso, un dos elementos patrimoniais máis recoñecidos e valorados da citada parroquia naronesa.
Ás 00:30 horas voltará a música, cunha repichoca popular, e tamén se prenderá unha lumeirada, como marca a tradición do San Xoán.
Desde o Concello e a AVV Os Irmandiños, do Val agradecen a participación dos veciños da parroquia, así como daquelas persoas que, un ano máis, colaborarán no desenvolvemento desta xornada, á que invitan a sumarse á veciñanza de Narón e comarca.
Año tras año se desvirtúa y destroza una maravillosa leyenda con un gran potencial