O Concello de Narón continúa desenvolvendo actividades enmarcadas no programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, dirixidos á comunidade escolar. A convocatoria actualmente en marcha enmárcase na área de Medio Ambiente, dirixida polo edil Octavio Dopico, e consiste no obradoiro Chef solar, co que se pretende achegar a enerxía solar e a nutrición saudable aos escolares.
Un total de 96 alumnos de primeiro curso de ESO do IES As Telleiras e 92 de primeiro e segundo de ESO do CPI do Feal son os destinatarios desta convocatoria, xa celebrada nas instalacións do instituto e que rematará o vindeiro venres, 10 de xuño, no colexio do Feal. Os participantes traballan na actividade durante tres horas, entre as 11 e as 14 horas.
Os rapaces están a coñecer diferentes modelos e o funcionamento e montaxe dunha cociña solar e traballan tamén con dous tipos de forno solar. Esa é a parte demostrativa da xornada, precedida por unha sesión na que reciben unhas nocións básicas e información sobre a radiación solar, ao tempo que coñecen a labor de entidades como a Fundación Terra. Este colectivo promove a sensibilización ambiental entre a sociedade, fomentando as enerxías renovables, especialmente a solar, a través de diversas iniciativas. O alumnado prepara algúns pratos elaborados con produtos ecolóxicos nunha cociña solar, baixo a supervisión de educadores.
Entre os obxectivos desta actividade está promover o uso de enerxías renovables, coñecer as vantaxes de consumir produtos saudables, aprender a cociñar pratos sinxelos e incrementar a implicación dos rapaces e rapazas nas tarefas domésticas, entre outros.
Os alumnos do IES das Telleiras aos que se destinou o obradoiro Chef solar acudiron ás sesións os días 1, 2 e 3 de xuño, se ben no CPI do Feal comezaron onte e rematarán o vindeiro venres, día 10. No marco deste programa desenvolveuse o pasado mes de maio un obradoiro de análise do gasto enerxético mundial: Calcula a túa pegada ecolóxica: Canta natureza precisa o teu modelo de vida?, no que 75 alumnos de terceiro de ESO do IES das Telleiras profundizaron en conceptos como o cambio climático, a pegada ecolóxica, o déficit ecolóxico, as enerxías renovables ou a eficiencia enerxéitca, entre outros.
O programa de Recursos Educativos de Apio á Escola impulsado desde o Concello ofértase de balde aos centros educativos do municipio a principios de cada curso. As actividades abordadas abranguen diferentes áreas, como Igualdade ou Ensino, entre outras. Os destinatarios desta iniciativa son os alumnos e alumnas de educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, tratándose dunha proposta lúdico-formativa promovida desde a Concellería de Ensino, á fronte da que está a edil Mercedes Taibo, e que se imparte en horario lectivo.