A Mostra de Teatro Amador presenta este domingo «Non hai ladrón que por ben non veña»

A VIII Mostra de Teatro Amador continúa desenvolvéndose este mes na zona rural da localidade. Nesta ocasión as representacións sucederanse os domingos, ata o 5 de xuño, nas instalacións da Pombiña, en Pedroso.

«O Padroado da Cultura de Narón convoca esta actividade de balde co fin de achegar o teatro aos veciños que residen na zona rural de Narón», recordou a vicepresidenta do organismo e edil de Cultura, Marián Ferreiro. Este domingo 22 representarase Non hai ladrón que por ben non veña, a cargo do Obradoiro de Teatro da Fundación Terra de Trasancos, do Val. Silvia Casal é a encargada das adaptacións e da dirección desta obra.

Os espectáculos previstos no programa a desenvolver en Pedroso con cargo a este ciclo, que xa se levou a cabo na parroquia de San Xiao, continuarán o vindeiro 29 de maio coa obra A creación, do Obradoiro de teatro de Piñeiros e dirixida por Maite Costa. A última cita desta mostra na citada parroquia será o 5 de xuño, co espectáculo Quen vai á guerra?, do grupo de teatro da Pombiña, dirixido por Betty Couce.

Todas as representacións previstas no programa comezarán ás 19 horas.

Lea también

A senda entre Xuvia e Freixeiro gaña árbores autóctonas nunha plantación con alumnado de Narón

Narón acolleu unha nova xornada de plantación de árbores autóctonas promovida pola empresa Cementos Tudela …