O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá deste mércores o centro de día e ocupacional da Asociación Nosa Señora de Chamorro, en Narón, unha entidade sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública dedicada a atender ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias. Na visita tamén participou a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez.
Fomentar e promover a integración en tódolos ámbitos das persoas con discapacidade intelectual, así como orientar e apoiar ás familias é o principal obxectivo que ten esta asociación afincada en Narón creada no ano 1964. Así, hoxe en día ofrece servizos de atención psicolóxica; traballo social e atención ás familias; fisioterapia; socio-sanitario, apoio ao emprego; deporte, ocio e tempo de lecer; transporte e comedor. Cómpre sinalar que ademais de dispoñer de centro de día asistencial e ocupacional sustentado con fondos públicos, Nosa Señora de Chamorro ten unha aula específica de Educación Especial para atender a persoas con necesidades educativas especiais desde os 6 aos 20 anos que tamén está concertada coa administración autonómica.
Rey Varela encomiou «o traballo que levan a cabo en Galicia entidades como A Nosa Señora de Chamorro para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias a través da especialización na atención e da procura da integración social, un obxectivo compartido polo Goberno galego». Para a consecución do mesmo, Rey Varela informou que «a Xunta de Galicia mantén un concerto de reserva e ocupación dun total de 142 prazas tanto para o centro ocupacional,con 109 das súas 120 prazas concertadas, como para o centro de día, de 40 prazas, das que 33 son concertadas. En concreto, este ano a Consellería de Política Social destina 1.110.798 euros ao concerto de prazas coa Asociación Nosa Señora de Chamorro», declarou.
O conselleiro ademáis recordou que o colectivo de persoas con discapacidade gaña en 2016 en presenza e en recursos económicos na nova carteira autonómica de Política Social. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos orzamentos da Xunta para a presente anualidade ata chegar aos 281,3 millóns de euros, «cantidade que supón practicamente un terzo do global dos presupostos destinados ás políticas sociais».
Esta etapa comezada en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado.
«Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais», explicou Rey Varela.