Participación ferrolana no Simposio Nacional e Congreso Iberoamericano de Úlceras e Feridas

Profesionais da Enfermaría e facultativos da Xerencia Integrada de Ferrol participaron activamente no XI Simposio Nacional sobre Úlceras por Presión y Heridas Crónicas e o IX Congreso Iberolatinoamericano sobre úlceras y Heridas, que se celebrou entre o 4 e o 6 de maio en Logroño, La Rioja. Dúas comunicacións orais e tres comunicacións tipo póster, sitúan o tratamento das feridas en Ferrol nun lugar recoñecido a nivel nacional.

Evolución de indicadores asistenciais trala implementación do programa integral de Prevención e Tratamento Úlceras Fóra; Colección de Guías Prácticas de Feridas do Servizo Galego de Saúde; A avaliación Agree II da guía de práctica clínica Solutions Wound care Algorithm; Resolución dunha fístula enterocutánea con dispositivos de Estomatoterapia e produtos de Cura en Ambiente Húmido; e Manexo de Feridas Cirúrxicas agudas e incisións de drenaxes mediante a técnica Mölndal en cirurxía xeral, son as comunicacións que se levaron a este encontro a nivel nacional.

Indicadores positivos da Cura de Ambiente Húmido

No marco do Programa Integral Úlceras Fóra do Servizo Galego Saúde, na área sanitaria ferrolá iniciouse a Consulta de Asesoramento en Cura en Ambiente Húmido, no ano 2011, que revisa as solicitudes de produtos relacionados coa cura de feridas crónicas e úlceras, e a súa correlación cos datos clínicos do paciente.

O obxectivo é orientar aos profesionais na uniformidade e implementación das sistemáticas de actuación e decisión clínica neste eido das feridas e úlceras; e tense a prevención das lesións como fin principal. Procúrase igualmente o emprego dos produtos coa máxima optimización; e a mellora dos rexistros clínicos desas actividades. A enfermaría ferrolá describiu os principais indicadores derivados da aplicación deste consulta e programa.

Entre os resultados, destacouse como, trala activación da Consulta de Asesoramento en Cura de Ambiente Húmido, a incidencia interanual de úlceras por presión baixou do 4,27% ó 3,7%. A maior parte das lesións, e polo tanto o consumo de apósitos, está no ámbito dos centros de saúde, co 82%. En pacientes menores de 65 anos, as lesións que predominan son cirúrxicas ou traumáticas; e, en maiores de 65 anos, predomina a lesión crónica, principalmente úlcera por presión.

Xunto con isto, as úlceras producidas identifícanse precozmente -un 58,7% das mesmas son de Categoría I, de menor gravidade; e un 33% de categoría II- polo que presentan menor afectación e destrución de tecido, o que facilita a súa abordaxe, e mellora as posibilidades de éxito do tratamento. Tódolos resultados comunícanse ós profesionais.

Entre as conclusións establécese que, trala posta en marcha da unidade, viuse reforzado o emprego da historia clínica electrónica neste eido, aumentando o nivel de rexistro e a calidade dese rexistro. Ademais, realizouse un plan formativo nesta materia sen precedentes. Por outra banda, o asesoramento permite ó profesional adaptar as indicacións ás características da ferida e do paciente, achegándolle máis alternativas. «A diminución progresiva das taxas de incidencia das úlceras por presión, sendo a maioría de categoría I, dá imaxe de que o persoal está concienciado coa necesidade de priorizar a prevención, e que está inmerso nesa cultura de seguridade», declararon.

Colección de guías de Úlceras e Feridas no Sergas

Abordouse tamén neste encontro nacional e iberoamericano a constitución dun marco de referencia para para desenvolver e establecer as liñas estratéxicas na abordaxe de todo o relacionado coas úlceras e as feridas. Un grupo de traballo do Sergas, no que participan tamén profesionais ferrolás, estableceron criterios asistenciais comúns para a identificación do risco, a valoración das lesións, o establecemento de medidas preventivas e de terapias, a utilización de produtos, e o seguimento e o rexistro, cuestións que posibilitan avanzar cara a unificación de criterios e a correspondente diminución da variabilidade clínica que existe para este tipo de lesións.

Formouse en Galicia un grupo de traballo multidisciplinar entre membros do equipo de referentes en feridas do Servizo Galego de Saúde, tanto no eido hospitalario como no do centro de saúde; clasificáronse a colección de guías en 7 segundo o tipo de ferida; adxudicáronse os temas segundo a especialidade e experiencia; nomeáronse coordinadores; e revisouse a bibliografía e a evidencia científica sobre o tema. Toda este traballo de unificación e consenso difúndese a través do mencionado Programa Úlceras Fóra do Servizo de Integración Asistencial da Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Sergas.

Xa de xeito específico, profesionais de Enfermaría de Ferrol presentaron o seu traballo de avaliación da calidade metodolóxica dunha guía de práctica clínica, Solutions Wound Care Algorithme, para dar a coñecer o seu formato pedagóxico, accesible e visual innovador para a difusión das evidencias.

Por último, facultativos do ámbito da cirurxía, presentaron neste encontro casos clínicos nos que aplicaron produtos de cura húmida na ferida cirúrxica con resultados positivos. Un deles describe como a utilización de produtos de cura en ambiente húmido combinados con dispositivos de estomatoterapia facilitan a resolución dun complexo caso de fístula enteroatmosférica en paciente con enfermidade de Crohn.

Por outra banda, describiron o procedemento a seguir para estudo observacional de dous casos clínicos -de cirurxía de mama e de apendicectomía- ós que se lle aplica un procedemento -técnica Mölndal- para a cicatrización na cura de feridas cirúrxicas e incisións de drenaxes tras cirurxía xeral non contaminada. Conclúen que esta técnica é recomendable pola doada aplicación e eficacia de cicatrización.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …