Uns cincocentos alumnos e alumnas de educación Infantil e Primaria dos centros de ensino públicos de Narón desprazáronse esta mañá ao Pazo da Cultura para participar nunha das actividades enmarcadas no programa da vixésimo sétima edición do Certame Intercentros Concello de Narón.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, acompañou aos rapaces que se subiron ao escenario para amosar ao público, entre o que ademáis de compañeiros se atopaban algúns dos seus familiares e profesorado, os traballos realizados nunha das modalidades deste certame, a de Expresión oral. Taibo destacou a relevancia deste certame e agradeceu a participación no mesmo tanto do alumnado como dos diferentes centros, sendo o IES Terra de Trasancos o organizador da convocatoria deste ano.
A edil de Ensino explicou que «se trata dunha convocatoria coa que tradicionalmente conmemoramos en Narón o Día das Letras Galegas e cuxo obxectivo é fomentar o uso da nosa lingua, ao tempo que se dá a coñecer a nosa cultura a través de diferentes áreas e desde os centros de ensino».
Poesías, lendas, monólogos, representacións teatrais e contos populares formaron parte das opcións elixidas polos escolares naroneses, que dispuxeron dun tempo máximo de 20 minutos para expoñer o seu traballo, individualmente ou en grupos, no Pazo da Cultura.
A concelleira de Ensino de Narón agradeceu tamén a colaboración prestada pola Escola de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón nesta convocatoria do XXVII Certame Intercentros Concello de Narón. Á convocatoria de onte asistiron alumnos de sexto de Primaria do CPI do Feal e do CEIP A Gándara, na modalidade de Teatro, e o de primeiro, terceiro e cuarto de ESO do IES Terra de Trasancos e do CPI do Feal nas modalidades de Expresión oral e Canción. Os participantes no certame puideron elixir ademais entre as opcións de: Murais, Conto e conto ilustrado; Poesía, Narrativa; Cómic; Teatro escrito; Audiovisual; Expresión oral; Reportaxe xornalística e Canción en galego.
Taibo recordou que «no marco desta convocatoria permanecen expostos na entrada do Pazo da Cultura todos os traballos realizados nos centros nas modalidades de Murais, Conto Ilustrado e Cómic, ademais dos gañadores no resto das modalidades», que poden verse nas citadas instalacións culturais ata o 20 de maio, no seu horario habitual de apertura.
O acto de entrega de premios deste certame terá lugar no auditorio municipal da praza de Galicia a mediados do vindeiro mes de maio, podendo acudir ao mesmo un máximo de 35 persoas por centro, ao estar limitado o aforo das instalacións.
O xurado que fallará os premios, de 50 ou 100 euros económicos ou canxeables por material, dependendo da categoría, estará integrado por un profesor de cada centro participante nas diferentes modalidades; outro do centro organizador e, dependendo da área, dun especialista na materia.