Nenos da Escola Rural de Sedes, acompañados por familiares e por representantes da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, da mesma parroquia, participaron hoxe nun novo acto con motivo da conmemoración do 95 aniversario das citadas instalacións educativas, que se celebra este ano. A iniciativa, que consistiu no descubrimento dunha placa e na plantación de trece árbores autóctonas nas inmediacións do recinto feiral do Trece, contou tamén coa participación do alcalde, José Manuel Blanco; da concelleira de Cultura, Marián Ferreiro e do edil de Urbanismo, Manuel Ramos.
Veciños da parroquia impulsan un programa cun total de trece medidas coas que tratan de evitar o peche da Escola Rural de Sedes e garantir a continuidade no tempo da súa actividade. A actividade desta mañá enmarcouse na materia de Educación Medioambiental, e a través da mesma ensinouse aos nenos cómo plantar unha árbore tras descubrir unha placa colocada nunha pedrafita en lembranza dos maiores da zona e da importancia do traballo que realizaron plantando diferentes especies de árbores na zona.
Precisamente no seu recordo se plantaron tamén hoxe trece árbores de diversas variedades: espiños, abruñeiros, nogueiras, cereixeiras, cameleiros e abruñeiros, entre outros, todos eles cedidos por Ramiro Martínez, propietario dos Viveiro O Pomariño, na Capela, que tamén explicou aos menores o sistema de plantación deste tipo de especies.
O goberno local respalda os actos impulsados pola veciñanza de Sedes con motivo do 95 aniversario da Escola Rural da parroquia. O pasado mes de marzo o rexedor local entregou un pergamiño á directora do centro, Cristina Fernández, en recoñecemento da labor educativa desenvolvida durante eses anos na parroquia. Nesa xornada tamén se procedeu ao descubrimento dunha placa localizada no patio da escola.