Alumnado de centros educativos de Narón recibe sesións de Programación municipais

Dez centros de ensino da localidade participan na proposta Día de Código no meu cole de Narón, impulsada polas concellerías de Ensino e Novas Tecnoloxías, á fronte das que están as edís Mercedes Taibo e Natalia Hermida, respectivamente. Os colexios e institutos que se acolleron a esta iniciativa, totalmente de balde, ofrecen a unha parte do seu alumnado de primeiro a sexto de Primaria e da ESO, a posibilidade iniciarse na materia de Programación.

Profesionais nesa área con ampla experiencia contan coa colaboración dos quince alumnos do curso de Programación e Robótica para futuros formadores, tamén impulsado desde a área de Novas Tecnoloxías, para impartir as sesións, ao tempo que a este último colectivo lle computan como horas prácticas da citada acción formativa.

As sesións comezaron o pasado luns, día 18, no colexio Ponte de Xuvia e continuarán mañá e o venres no colexio de Piñeiros, para retomalas a partir da vindeira semana noutros centros.

Os colexios que se adheriron a esta convocatoria foron o Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Solaina, Virxe do Mar, O Feal, A Gándara, Jorge Juan, Ayala e os IES As Telleiras e Terra de Trasancos. Os luns, martes, xoves e venres desenvólvense os talleres, en horarios e días previamente asignados dacordo co centro, nas súas aulas de informática para que o alumnado poida traballar nas sesións, de trinta minutos de duración cada unha. As últimas concertáronse para o vindeiro mes de maio, uns días antes do remate do curso escolar 2015-2016.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, destacou a importancia de poder ofrecer aos colexios, sen custe algún para eles, esta iniciativa. «Trátase dunha moi boa oportunidade para que os rapaces e rapazas poidan iniciarse no mundo da Programación ou ampliar os seus coñecementos nesta materia, en determinadas ocasións unha gran descoñecida pero na actualidade con moita proxección de cara a un futuro moi inmediato», incidiu.

Así mesmo, a edil de Novas Tencoloxías, Natalia Hermida, recordou que a convocatoria na localidade do curso de Programación e Robótica para futuros formadores «foi todo un éxito». «Trátase dunha acción formativa que nunca antes se impartira en Narón e que consideramos que ten moi boa aceptación», sinalou. A edil naronesa incidiu en que con esta oferta por parte do Concello aos colexios e institutos, «ademais de beneficiarse do curso o propio alumnado a través das prácticas, tamén o fan os estudantes, que fomentan as súas habilidades tecnolóxicas a través do programa Scratch, que lles permite, en función da súa creatividade, iniciarse no mundo da programación».

As concelleiras naronesas agradeceron o respaldo que deron á proposta os responsables dos centros á hora de sumarse a esta iniciativa e valoraron o traballo que realizan todos os alumnos e alumnas, tanto dos centros de ensino como do propio curso de Programación e Robótica para futuros formadores.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …