O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo Delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo Pouso e polo director de zona de Abanca de Ferrol, Rafael Montero Rey, formalizou no día de hoxe 16 convenios do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia 2015/2016 da Fundación Deporte Galego, correspondentes aos equipos de Ferrol e a súa área de influencia.
En total, a sinatura desta mañá supón un investimento de 287.550,46 euros que irán destinados aos seguintes equipos galegos:
Na presente edición, o plan están dotado con 2.420.000 euros, ao igual ca na tempada pasada, tendo por destinatarios a un total 132 equipos galegos, isto é un 19% máis ca na tempada 2014/2015. Neste orzamento, Abanca, patrocinadora oficial do plan logo do contrato subscrito coa Fundación o pasado mes de febreiro, fai unha achega de 726.000 euros, como parte do compromiso subscrito pola entidade financeira que destinará, no marco da presente colaboración, máis de 3,6 millóns de euros nos cinco anos de duración do contrato coa Fundación.
Dende os seus inicios na tempada 2009/2010, o plan ten investido preto de 15.000.000 de euros nos equipos de alta competición de Galicia, mostrando a súa efectividade tanto no xenérico número de equipos apoiados (132 na presente edición fronte aos 111 do ano 2015 e os 89 da primeira edición do Plan no ano 2009), como especialmente no tocante ao deporte feminino: 28 equipos na tempada 2009/2010, 46 equipos na tempada pasada e 54 na actual campaña.
Todos os equipos patrocinados teñen en común contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel en modalidades deportivas nas que a competición de máximo nivel desenvólvese na categoría absoluta en sistema de liga regular á que se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría, e/ou sistema de ránking/clasificación por equipos. Incorpóranse tamén por primeira vez nesta edición do Plan os equipos que participan na máxima competición en sistema de liga regular de ámbito estatal da categoría previa á absoluta.
Como vén sendo a tónica habitual deste programa, a presente edición patrocina equipos de distintas especialidades deportivas, o que reflicte o estado de forma do deporte de alta competición en Galicia: Atletismo (6), bádminton (2), baloncesto (10) e baloncesto en cadeira de rodas (3), balonmán (10), béisbol (4), bolos (2), ciclismo (7), esgrima (3), fútbol (20) e fútbol sala (12), halterofilia (4), hóckey liña (2), hóckey a patíns (2), kaiak polo (4), piragüismo en pista (10), traíñas (2), rugby (3), tenis de mesa (14), tríatlon (5) e voleibol (7).
Este Plan de patrocinio supón un moi destacado pulo para a presenza do deporte galego no máis alto nivel competitivo, a nivel nacional e internacional, das distintas modalidades deportivas comprendidas nel, garantindo o crecemento deportivo de entidades e deportistas destas especialidades, á vez que se reforza a presenza da marca Deporte galego nas competicións deportivas ás que acoden os equipos patrocinados. Coa incorporación o ano pasado de Abanca como patrocinadora oficial, o plan logrou potenciar a súa presenza e operatividade, potenciándose a base dos equipos patrocinados, chegando neste exercicio con este patrocinio a máis de 18.000 deportistas dos cales máis de 14.000 corresponden ás categorías base destas entidades deportivas.