Un interesante plano de Ferrol, datado aproximadamente fai cen anos, constitúe unha salientable radiografía do que entón era a cidade. No mesmo represéntase a muralla defensiva construída o século XVIII, que daquela se conservaba completa, mentres que desafortunadamente toda a zona exterior da muralla (o que entón se viña a chamar «fora de portas») aparece totalmente baleira de vivendas, construcións e vías de comunicación.
Salienta neste plano precisamente a axustada traza da muralla, onde aparecen as dúas baterías, os seis baluartes, as tres portas de terra (as orixinais de Canido e Caranza e a posterior Porta Nova) e as tres portas de mar (Fontelonga, San Fernando e Curuxeiras). Constitúe unha magnífica testemuña gráfica desa muralla que foi derrubada para permitir o crecemento extramuros da cidade; un recinto fortificado cuxos restos materiais as sucesivas corporacións municipais non foron quen de conservar para a memoria histórica de Ferrol.
Hoxe soamente consérvanse medianamente rehabilitados os baluartes de San Juan e Canido, así como uns interesantes restos da artística porta de mar de Fontelonga, mentres que o remodelado baluarte do Infante, hoxe Arquivo Militar do Noroeste, daquela era o Cuartel de Artillería. Nin tan sequera os restos aparecidos durante a penosa remodelación do que era a Praza de España foron postos en valor de forma visible pola simple colocación dunha placa de metacrilato, solución empregada por outros Concellos máis dilixentes que o de Ferrol.
No plano aparece representado o racional barrio da Madalena, centrado arredor das prazas de Amboage e Armas, entón chamada de Churruca; a Alameda, unindo o barrio traballador de Esteiro, que aínda estaba en pé, e o barrio mariñeiro de Ferrol Vello; e o barrio alto de Canido co seu desaparecido cemiterio, o primeiro camposanto municipal, que non parroquial, que a Ilustración construíu en Galicia.
É de interese comprobar no devandito plano a situación da Escola Obreira, dentro do recinto da entón Sociedad de Construcción Naval, situada xusto na esquina do camiño que levaba ao peirao de San Fernando. Se cumpren agora cen años da construción da devandita Escola Obreira o ano 1916, artístico edificio derrubado de xeito vergoñento na década dos anos 1970
No devandito plano pódese ver tamén o dique Reina Victoria Eugenia, cuxa construción o ano 1912 orixinou que o monumental e rexo edificio de cantería do Gran Tinglado de Maestranza, o edificio industrial europeo de maior lonxitude da súa época, fose partido en dúas partes. Así mesmo aínda aparecen no plano o desaparecido Matadoiro municipal no Campo de Batallóns e os restos das que foran as famosas 12 gradas de construción durante o século XVIII dos navíos do coñecido como «Apostolado».