Narón distingue á Escola Rural de Sedes polo seu traballo en prol da loita pola igualdade

O alcalde do Concello de Narón, José Manuel Blanco, presidiu esta mañá o acto de entrega dun pergamiño á directora da Escola Rural de Sedes -integrada no Colexio Rural Agrupado-, Cristina Fernández. O agasallo recoñece a labor realizada nos últimos 95 anos desde a Escola Rural de Sedes, centro ao que co gallo dos actos do Día Internacional da Muller a corporación local aprobou por unanimidade no pleno do pasado mes de febreiro distinguir polo seu traballo a prol da loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través da educación, como «Escola Pioneira na Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes», tal e como recordou o rexedor local.

Acudiron á convocatoria a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio; os portavoces municipais de TEGA, Marián Ferreiro; do PP, Marcos López, e do PSOE, Catalina García, así como familiares dos sete nenos matriculados na actualidade neste centro.

«Nós consideramos a importancia deste tipo de escolas rurais para manter a poboación», asegurou Sabio, quen destacou o servizo que prestaron e prestan aínda na actualidade ás familias as escolas rurais.

O alcalde apuntou en referencia ao servizo que «o que naquel momento era algo moi novidoso, hoxe xa é algo natural e nós desde o Concello intentaremos continuar apoiando cos nosos medios a estas escolas. Aquí hai unha iniciativa moi importante detrás, e iso é o fundamental».

Blanco procedeu a ler posteriormente o texto do pergamiño aos asistentes ao acto, entre eles os nenos matriculados este curso no centro, aos que a directora preguntou onde querían colocar o pergamiño. No texto lémbrase que o filántropo oriundo de Sedes, Francisco Sabín Teijeiro, mercou no ano 1921 o edificio de Freixido, no que se localizan as instalacións, para convertelo en Escola de Nenos e Nenas.

«O centro mantén ese espírito inicial cumpridos 95 anos desde a súa fundación, baseándose na funcionalidade de educar e instruír na igualdade de oportunidades», sinalou o rexidor naronés. Así mesmo, no documento incídese en que a viabilidade das instalacións «está xustificada non só pola súa vocación primitiva de formación, senón en tanto en canto é motor que pode facilitar unha mellor calidade de vida na zona rural á que está adscrita, coadxuvando á fixación de poboación e como elemento dinamizador das familias», engadiu Blanco.

Á Escola Rural de Sedes asisten nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, e para o vindeiro ano conta cun total de cinco matrículas, tal e como apuntou a directora do centro, quen agradeceu a distinción concedida desde a corporación local de Narón.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …