A Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías, presidida pola edil Natalia Hermida, organiza un curso de Programación e robótica para futuros formadores. A convocatoria diríxese a veciños do municipio desempregados e maiores de 18 anos, se ben para asistir será necesario superar unha proba ou entrevista, incluída no proceso de selección, para localizar os perfís que máis se axusten aos obxectivos desta acción formativa. A concelleira da área anunciou que o prazo de matrícula se abrirá o vindeiro luns, día 14, e rematará o día 23 deste mes.
«Trátase da primeira convocatoria formativa pública nesta modalidade na comarca, que apostamos desde o Concello por incluír na oferta de cursos municipais ao considerar que actualmente existe un importante nicho de mercado nesta área, sendo necesario contar con formadores na materia de xeito inmediato para atender á actual e futura demanda», subliñou Hermida.
As sesións, das que se beneficiarán quince persoas, teñen unha duración de 300 horas teórico prácticas, das que 75 se desenvolverán en centros educativos ou similares, a través das que os asistentes adquirirán coñecementos sobre os códigos de programación e metodoloxía pedagóxica. As clases comezarán o 4 de abril e rematarán o 23 de xuño.
Aquelas persoas interesadas en inscribirse deben entregar o formulario de solicitude dispoñible no Rexistro Xeral do Concello e na páxina web: www.naron.es. Para obter máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomuntario ou chamar ao número de teléfono 980 337 700 (extensións: 2602/1120/1107 e 1123).
Hermida destacou a importancia desta materia, incidindo nas posibilidades que actualmente ofrece de cara a posibles saídas laborais «tendo en conta que tal e como se establece na Lomce, trátase dunha das materias que se aposta por impartir nos colexios desde idades moi temperás», incidiu a concelleira.