Presentado no Concello a segunda edición do roteiro «Ferrol Rebelde»

A partir deste xoves 10, Día da loita obreira galega, regresa o roteiro didáctico Ferrol Rebelde, consistente nun paseo de 90 minutos e dez paradas polas rúas e prazas do centro da cidade que se achega aos acontecementos históricos e os perfís persoais dun século de loita polos dereitos e liberdades.

Así o explicaron esta mañá o alcalde de Ferrol e o concelleiro de Participación, Jorge Suárez e Álvaro Montes, respectivamente, na presentación da que será a segunda edición de Ferrol Rebelde, que xa tivo un primeiro capítulo antes do Nadal. En total, serán trenta roteiros todos os sábados e os domingos -do 10 de marzo ao 1 de maio- con saídas desde o Palco da Música do Cantón de Molíns en horario de mañá e tarde: ás 11 e as 17 horas, de balde e coa guía de Marcos Abalde, tamén presente na presentación desta iniciativa municipal.

«Unha das novidades con respecto a edición anterior é que se fixo un esforzo extra pola promoción turística desta iniciativa didáctica a través de trípticos e cartaces cun deseño propio, para crear unha marca similar a outros productos turísticos da cidade como pode ser a Ruta da Construción Naval», subliñou Montes, indicando que o custo desta iniciativa supón para as arcas municipais 5.239,30 euros (IVE incluído), con 2.000 folletos en dúas cores que son a guía e o resume das dez estacións do roteiro Ferrol Rebelde: Un paseo por cen anos de historia obreira e un cento de cartaces, con fotos e documentos históricos dos feitos e nomes propios dos protagonistas.

«Trátase de ofrecer unha imaxe diferente de Ferrol. A cidade ten unha cultura e un patrimonio moitas veces descoñecida polos veciños, que estaban ocultas e que pode competir coa oferta turísticas doutras localidades galegas», manifestou o concelleiro, subliñando que «Ferrol ten unha historia de 100 anos de loita obreira polas liberdades que son a base da democracia actual».

«Na primeira edición do roteiro tomaron parte unas 120 persoas en grupos de 25», sinalou Marcos Abalde, lembrando que «moitas das xornadas de saída previstas en decembro tiveron que ser canceladas por mor do mal tempo e das alertas laranxas. Para participar nesta nova edición de Ferrol Rebelde cómpre facer unha inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.

Etapas do roteiro, de 1871 ata a morte de Franco

O Ferrol Rebelde consta de tres etapas que repasan a historia do movemento obreiro ferrolá, empezando pola denominada «articulación», que vai dende 1871 a 1936 e contempla fitos como a organización da Internacional e a publicación do xornal obreiro El Trabajo; a «desarticulación», de 1936 a 1945, onde abórdase «o exterminio do movemento obreiro e o espolio dos seus bens», expuxo Montes, mentres que na terceira, de 1945 a 1975, a «rearticulación», con feitos como a folga do aceite de Bazán, a primeira gran folga do Estado, os acontecemento do Dez do Marzal nas rúas de Recimil, para rematar no asasinato de Moncho Reboiras.

Lea también

Xunta, Ayuntamiento de Ferrol y Autoridad Portuaria trabajan unidos para crear suelo industrial en la zona de Mandía

El alcalde de la ciudad, José Manuel Rey Varela, y la conselleira de Economía e …