A Xunta segue a desenvolver o seu Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo e, esta vez, a estratexia pasa por Madrid. Tras acadar un acordo con todos os axentes implicados da cadea de valor sobre as medidas necesarias, a Consellería do Medio Rural trasladou estas peticións a semana pasada ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o seu debate no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que se celebraba hoxe en Madrid. Esta reunión supón o paso previo para conformar o discurso que levar ante a Unión Europea no Consello de Ministros de Agricultura que se celebrará este mes.
Deste xeito, a titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez, pretende facer entender a Europa que cando se fala do sector lácteo español, estase a falar, principalmente, do lácteo galego.
Por iso, Galicia está en disposición de solicitar unha serie de avances como son a transparencia en todos os elos da cadea e outras medidas para regular o mercado que eviten, dunha vez por todas, prácticas como a venta a perdas. Reclámase de forma urxente unha suba dos prezos e do volume de intervención tanto do leite en po como da manteiga, o fomento do consumo dos produtos lácteos no mercado interior da UE e a identificación da orixe dos mesmos para garantir que os consumidores teñan toda a información á hora de elixir un ou outro.
Estas son as medidas que, á proposta da Consellería, se fixo chegar a todo o sector a semana pasada na constitución da mesa de traballo do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo e no que estaban representados todos os axentes implicados: explotacións, cooperativas, organizacións profesionais, industrias e distribución, así como os órganos de control e a propia administración, xunto coa Universidade e o ámbito científico. A mesa, que se volverá a xuntar en menos dun mes, será o lugar no que debater os problemas urxentes e puntuais do sector, pero tamén onde establecer unha estratexia conxunta a longo prazo a través dun diálogo continuo que permita garantir o futuro do lácteo.
Así mesmo, Ángeles Vázquez insiste na necesidade de avanzar no Decreto de cesión de prezos que, ademais de saír a nivel nacional, debería trasladarse a toda Europa «para lograr un mercado único e nas mesmas condicións», explicou.