O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixu esta mañá ao Goberno Local que «aclare se vai consentir o aprazamento do pago, por parte de EMAFESA, do canon concesional (do segundo trimestre do 2015) ao que esta obrigado a pagar esta empresa e que ascende a 316.982,93 euros ou se pola contra vai esixir o pago imediato como debería facer en defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Ferrol».
O BNG preguntou, na última comisión de Facenda ao goberno local pola solicitude de aprazamento feita por parte do xerente de Emafesa e para coñecer a postura que vai defender o goberno de Suárez, «xa que ao noso entender non cabe aceptar demora ningunha e a empresa debe ingresar nas arcas municipais o total deste importe e diante do silenzo e icertidume amosada polo goberno local diante desta cuestión».
O BNG lembra que a empresa EMAFESA «tense dirixido ao Concello en días pasados solicitando o aprazamento deste pago concesional, que tiña que ser efectivo de xeito voluntario antes do día 5 de febreiro, esgrimindo para tal solicitude a situación económico financieira da sociedade».
O BNG tamén esixiu ao Goberno de Jorge Suárez que informe «sobre o sobrecusto que vai ter para a cidade que as obras da rede de saneamento non estiveran rematadas en decembro do ano pasado e lembra que en virtude do convenio asinado con ACUAES, para a execución das obras da rede de saneamento, o pago dos traballos que se executen máis alá do fin de 2015 teñen que ser asumido polo Concello de Ferrol a maiores da porcentaxe do 13% que se recolle nese convenio avalado polos partidos estatais no anterior mandato, e que o actual goberno municipal non ten intención de denunciar».
«É por iso que desde o BNG queremos saber a canto ascende o prezo desdes traballos, executados fora de prazo, e se este importe vai ter que ser asumido polos veciños e veciñas de Ferrol mediante a imposición dunha taxa».
Para o BNG resulta «incomprensíbel a actitude do goberno local e preguntase que máis ten que pasarpara que o goberno local esixa responsabilidades ao Estado e en concreto ao Ministerio de Fomento e de Medio Ambiente polo estado deficiente dunha depuradora que construíu a administración estatal. Que máis ten que acontecer para que o Concello de Ferrol rompa o convenio coa Xunta de Galiza polo cal se lle entregou aos veciños e veciñas desta cidade unha infraestrutura obsoleta e que máis ten que pasar para que este goberno tome algunha decisión respecto desta infraestrutura que nunca entrou en funcionamento e non faga responsábel destas deficiencias aos veciños e veciñas da cidade».