O centro cultural Carvalho Calero de Ferrol, encravado no barrio do Inferniño, está chamado a converterse nun referente para a cultura didáctica neste ano 2016.
É froito da ampla e extensa programación deseñada para o primeiro semestre do 2016 desde a Área de Cultura, con varias mostras consecutivas de febreiro a xuño con contidos gráficos, didácticos e novidosos sobre distintas temáticas para chegar a todos os públicos e inquedanzas. Así o manifestou este xoves en rolda de prensa o concelleiro de Cultura, Jesús Basterrechea, que adiantou a programación do Calero para os vindeiros meses.
«Este Goberno e este concelleiro ten toda a intención de que o contido do Carvalho Calero teña carácter didáctico, coa misión de dar sentido e función a todas as instalacións culturais da cidade cunha programación estable e a longo prazo», expuxo Basterrechea. «Coido que este centro pode ser especialmente importante nesta liña didáctica xa que temos o Torrente Ballester xa mais enfocado a árte contemporánea», apuntou.
A primeira das mostras chega o vindeiro 4 de febreiro da man dos Amigos do Ferrocarril, cunha exposición didáctica e imaxinativa con maquetas, mapas e antigas máquinas de ferro. Ata o 4 de marzo.
«É unha mostra moi curiosa, coidada e atractiva que adoita ter moi boa acollida que é historia vida da nosa comarca», subliñou o edil, que lembrou que, precisamente, «a loita por un ferrocarril digno é unha das loitas e dos compromisos para con esta cidade».
A segunda, aterra no C.Calero o 8 de marzo, ata o 23 do mesmo mes. É, expuxo o concelleiro de Educación, Universidade e Cultura, froito da colaboración co IES de Leixa e do Centro de Formación e Recursos (CFR) do profesorado logo da visita ao centro realizada en outubro polo alcalde e o edil, co fin de abrir vías de colaboración entre o centro educativo público, onde se imparte formación en sanidade, atención a dependentes, emerxencias e deseño, e o Concello de Ferrol
A mostra, con fotografías de José Pardo, titulase «Iguais», e fai unha reflexión sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no mercado laboral, os mitos e prexuízos de xénero nas profesións, e outros aspectos para repensar se existe a igualdade real.
A terceira mostra do primeiro semestre do 2016 será mais breve, do 28 de marzo ata o 2 de abril, e chega da man de AGA (Asociación Galega de Apicultura), acompañada de charlas didácticas, información sobre a vida das abellas e os riscos da velutina, para escolares.
A finais de abril, durante uns días, do 25 ao 28, o centro cultural será o escenario dun certame de poesía de imaxe da man da Concellería de Normalización Lingüística e xa, no mes de maio, o parénteses que ven sendo habitual para a exposición dos traballos da Asociación de Veciños do Ensanche.
O mes de xuño péchase cunha mostra de Ti Mais Eu Teatro, que leva por título, «Historias do Camiño Inglés». Basterrechea adiantou que Cultura xa traballa na programación do vindeiro outono cunha mostra de maquetas de barcos primitivos e outra de videoxogos.