«Está moi maliño, xa non fala»

xaquin-campo-freireXaquín Campo Freire

Impresionoume ler estes días a festa impresionante que fixeron no povo de Deus cando recuperaron comunitariamente unha copia do libro da Palabra, que polas persecucións tiñan perdido. (Neh 8, 2-10). E teño de confesar que sentín envexa. Hoxe estamos a vivir un verdadeiro drama a escala mundial. Os pobres, todos os pobres, perdemos a palabra. Roubáronnos a palabra. Aqueles israelitas piadosos perderan no exilio de Babilonia o uso comunitario do Libro da Palabra. E iso xa é un drama. Pero persoal e familiarmente conservaban a Palabra.

Non esquezo cando D. Jesús Vázquez, conselleiro de educación e cultura, mandou queimar centos de miles de libros de texto en lingua galega. Tratábase de roubarnos a palabra comunitaria. Exiliados na propia terra. Debe estar ben fachendoso do éxito de tal batalla! Pero con ser iso grave o peor non é a queima dos libros, a perda dos libros. («Os libros arden mal»). Porén aqueles israelitas seguían sendo fieis á Palabra. E por iso foron capaces de faceren festa grande, con choros de emoción incluídos. Porque non perderan a Palabra. Nin ao Deus que os quería con fala de seu e con palabra libre nun país de liberdade.

Hoxe, a pesares dos «queimalibros», temos moitos libros. Pero perdemos a Palabra e o sentido da Palabra. Hoxe, coma nunca, dise que as palabras as leva o vento. E levará tamén o vento os homes e mulleres de palabra e con palabra? «Os xornais terman do que lles poñen». Non teñen palabra de fiar. Os «profesionais da palabra», políticos, docentes, escritores, economistas, banqueiros, cregos de todas as relixións, xornalistas, radios, TV, os xuíces e avogados, persoal do mundo sanitario,  pais e nais, etc. somos xente  de fiar nos nosos discursos? Haberá algo máis serio do que a palabra?

A Palabra, se cumpre as condicións de verdadeira, xusta, auténtica, sincera, humilde, etc., emítese, dáse, comprométese para ser cumprida. Que decepcionante é a mentira, o engano, o bochorno, o insulto, o acoso, a trampa, a calumnia, o embrollo, a falsidade, a corrupción, o abuso, o ninguneo, o menosprezo, o arrastramento, a adulación, «facer a pelota», ser falsa testemuña,  etc. Se a palabra non xera confianza,  a vida vólvese un inferno.  Os labregos e os pescadores, os dos estaleiros de Ferrol, os rapaces con tres licenciaturas, os precisados das axudas sociais, etc., xa non fían das palabras. Os bancos, coa maldita letra miúda e outras andrómenas, tamén queiman a confianza. Non teñen palabra. Perdemos comunitariamente o poder significativo da Palabra.

Malia iso,  xorden clamores por todas partes para recuperarmos a fala, as falas, a palabra e as palabras. Non se pode afogar a palabra de ninguén. Ás mulleres mortas e abusadas o primeiro que se lles rouba e a palabra. Enmudecelas. E aos pobos sometidos tamén. E aos picariños, e aos discapacitados, e aos sen teito, e aos parados, e aos velliños, aos presos, aos doentes e aos transhumantes, etc. Incluso ao funcionariado lles «tapamos a boca». Obrigámolos a mentir.

Somos pobo grazas á fala. Que razón tiña o profeta civil da  nosa Chaira, Manuel María, Letras Galegas 2016: «Seríamos, sen fala, unhos ninguén, unhas cantas galiñas desprumadas. Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas». E isto vale para todo mundo.

Temos de recuperar a Palabra, a fala e as falas. Recuperar a emoción da Palabra. De non ser así seremos uns alienados. Seremos «dos outros», uns alleos de nós mesmos. Recuperar a Palabra, a emoción da palabra, ter palabra propia, de nós, «pobo común».

Este é o sentido primixenio do domingo, descansar para dedicalo á Palabra e ao cultivo da palabra. Reparar as desfeitas das palabras malditas e «mal dicidas». Porque a palabra maltratada clama pola súa xustiza restaurativa e polo perdón pedido, dado e recibido.

«E a Palabra acampou entre nós e en nós. Veu aos seus pero os seus non a recoñeceron. Non a recibiron».

Que ben o entendemos cando dicimos.«Que maliño está. Xa non fala».

 

 

 

 

 

 

 

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …