A Pepe Chao Rego, mestre de vida e amigo, coma nunca, graciñas

chao-rego-28-11Xaquín Campo Freire. Mandía.Ferrol

Querido Pepe Chao: Hoxe van ser moitos os que falen e  escriban de ti. Cada un farao desde o seu universo referencial emotivo. E entre todos iremos poñendo as teselas para un mosaico da túa inesgotábel personalidade e inmensa creatividade.

A miña ligazón agradecida contigo vén de moi lonxe. Setembro de 1955. Desde entón xa foi un continuum. Hoxe quero reafirmar esa fidelidade de mutua amizade «sen que a morte nos separe».

Quero retomar algo que escribín o mércores 27 de octubre de 2010 porque, máis aló da nosa amizade persoal, isto reflicte mellor a nosa relación comunitaria vista desde Ferrol, onde traballamos xuntos tanta xente e tanto tempo. Velaquí a memoria:

«“PARQUE XOSÉ CHAO REGO”. Hai datas ben ledas para toda unha comunidade. O Pleno do noso Concello aprobounos hai uns días, por unanimidade, o nome deste polígrafo para o noso rueiro oficial. Santa Mariña do Vilar e todo Ferrolterra, as letras e a cultura galegas estamos hoxe de festa. Parabéns! 

Nese monumento a Pepe Chao, estará, como di el, “todo un estilo de sermos comunidade, e estaremos aí todos e cada un dos que con el traballamos, loitamos, sufrimos e esperamos”. Porque houbo de todo.

Hoxe a nosa memoria é fiel e faille xustiza a un dos bos e xenerosos. A nosa boca énchese de cancións e poesía. O noso corazón reborda de agradecementos e dos nosos ollos xorden bagoas de emoción. As palabras fican pequenas para expresarmos axeitadamente o sentido profundo desta decisión. O seu eco resoa forte e fondo. Porque o pobo é quen máis ordena. 

Coidaremos deste monólito como cousa e causa nosa, como significante de toda unha etapa vivida con moita esperanza, pero tamén con sangue, suor e bágoas. Non podemos permitir que se destrúa a obra deste eminente fillo adoptivo de Santa Mariña do Vilar que tanto esforzo e estudo consagrou para dotar á parroquia de nome e honra universal e de verdadeiras obras arte. Abonda con abrir Google para comprobalo. Aí están ese mosaico de González Collado do ano 1960. O Pantocrátor de Segura Torrella na ábsida do templo. A talla da Virxe, dun verdadeiro artista, que polo seu vivir un tanto bohemio perdeuse no anonimato e do que debemos recuperar o seu nome. A fachada absolutamente orixinal, á que non lle damos o seu auténtico valor.

A nosa Igrexa Vella coas arquivoltas da porta principal cheas de signos de historia antiga. E tan antiga! O documento escrito de máis antigüidade de todo Ferrol é xustamente o que fai referencia a esta capeliña. Igrexa da que fala o Padre Sarmiento nos relatos das súas viaxes pola Galiza. Igrexa que foi queimada do 1936 e que Pepe Chao restaurou, seguindo os planos do Arquitecto Rodolfo Ucha Donate, para dedicala a servizos sociais da parroquia, porque na escola nacional nacía a auga onde os nosos nenos de daquela puñan os pés todos os días. Posteriormente serviu para introducir nas letras aos nenos xitanos que acababan de asentárense para deixar a transhumancia secular. 

Hoxe, devolta de novo ao culto, o seu destino orixinario, onde algúns que aínda vivides viñestes prometer nos anos vinte o voso amor. Preguntádello a Maruja Purriños.

Mas por riba das pedras e de todo está o traballo humano de D. Xosé. A súa entrega polas persoas, a súa dedicación sen límites a todos nós, o seu testemuño de fe cristiá e a loita pola xustiza que lle custou, xunto con Vicente Couce e moitos outros, persecucións varias naqueles tempos da longa noite de pedra incluída a cadea. Pepe Chao, o noso benquerido D. Xosé, ficará así sempre connosco e para a posteridade co seu nome imperecedoiro. 

Teño, como promotor principal, que mostrar agradecementos a D. Amable Dopico pola súa axuda silenciosa, eminentemente eficaz. A cantos nos ofreceron as súas incondicionais sinaturas para acompañármolas ao expediente preceptivo nestes casos. Tamén á Corporación Municipal, que unanimemente aceptou esta proposta. A D. Vicente Irisarri, o noso Sr. Alcalde que con toda honra para todos nós os veciños, presidirá, sen dúbida, o acto de inauguración

Non teño palabras suficientes para Dona Mercedes Carbajales. Acollida, desvelos, preocupación, visitas a ese lugar, consellos, facilidades, orientacións,  o corrixir erros, fallos ou defectos, o interés pola tramitación seria e rigorosa no proceder, sen pausas no tempo. Mercedes, para ti o noso inmenso recoñecemento.

A D. Javier, o Párroco actual, e a toda a parroquia de Santa Mariña, que se vos pode dicir? Tendes o corazón a flor da pel pola sorte de vivirmos este intre co noso Pepe Chao Rego e a súa dona Sari.

Queremos poder dicirlle con grito forte e sincero: GRACIÑAS, PEPE, POR TODO. AD MULTOS ANNOS VIVAS, DOMINE JOSEPH!»

Pasaron cinco anos. Hoxe, 28 de novembro de 2015, querido Pepe Chao Rego, coma nunca: GRACIÑAS,  MESTRE DE VIDA E AMIGO. Encheremos a cotío de flores frescas o monumento á túa memoria, mentres che falamos desde o corazón.

Sempre teu.

 

 

Lea también

Ferrol se convierte por un día en la capital de la inteligencia artificial

El concejal de Cultura de Ferrol, José Antonio Ponte Far, inaugurará este viernes 14 de …