Razóns de tipo laboral e persoal impídenlle atender acaídamente o cargo
Na mañá deste xoves celebrouse unha rolda de prensa do BNG de Ares na que se informou que hai máis dun mes Anxo F. Permuy trasladaba ao Consello Local do BNG de Ares a súa vontade de deixar –logo dun proceso de reflexión- o cargo de concelleiro. A situación pola que atravesou a empresa na que traballa –Masol Iberia, que acumulou varios procesos de regulación de emprego- así como condicionantes do ámbito familiar; mermaron sensíbelmente as posibilidades de adicación ao cargo, que viña exercendo intensamente desde o ano 2011.
Unha situación que, segundo él mesmo comentou «evidencia as dificuldades que hai en moitos casos para exercer o cargo de concelleiro –que require sacrificio e entrega- sobre todo cando tes que facelo desde a oposición, e en situacións tan complexas como a de Ares»; indicando que «sempre tiven unha conciencia do que representa este compromiso coa miña organización e coa cidadanía e, cando penso que non son quén de exercelo, o millor é dar paso a outra xente».
Anxo F. Permuy é unha persoa activa, non só no plano político, senón tamén no social e no sindical. Antes que concelleiro, foira un dos dinamizadores da comisión pro-saneamento en Chanteiro que, logo dun intenso traballo reivindicativo, acadara finalmente a execución dese proxecto. Tamén na reivindicación do proxecto de ampliación e seguridade vial da estrada Ares-Chanteiro, na actualidade pendente de licitación por parte da Deputación de A Coruña.
No plano sindical, tivo a grande responsabilidade de exercer como presidente do comité de empresa da antiga Infinita-Renovábeis (hoxe Masol Iberia) nun proceso no que a propia viabilidade da empresa estaba en cuestión, acumulando varios procesos de regulación de emprego que supuxeron un grande traballo e sacrificio na defensa dos postos de traballo.
Na Asemblea Local do BNG celebrada onte mércores, o conxunto da militancia fixo fincapé no recoñecimento dese traballo desenvolvido polo noso compañeiro Anxo, que contribuíu tamén ao avance da representación da nosa organización nas municipais do pasado mes de Maio. Un compromiso que él mesmo renovaba, cando dicía que seguirá a traballar como militante do BNG, conxuntamente co resto das compañeiras e compañeiros.
O novo concelleiro
Na mesma reunión de onte, acordouse que no momento de concretar o seu cese na corporación –a finais deste ano- o seu posto pase a ser cuberto por Manuel Bello Bouza, que figuraba no posto cinco da candidatura do BNG-Asembleas Abertas nas eleccións do pasado mes de maio; toda vez que Silvia Fernández Paz –que figuraba no número catro- prantexara a imposibilidade de exercer o cargo cun mínimo de adicación, por cuestións do ámbito laboral e familiar.
Manuel Bello Bouza é unha persoa nova –ten 36 anos- e foi das que, sen ser militante do BNG, tomo a decisión de participar activamente na candidatura das municipais, asumindo agora o cargo de concelleiro «con ilusión e compromiso, co exemplo do que fixo o compañeiro Anxo nos últimos catro anos».
E xustamente nesta liña de transparencia e participación na que se desenvolve o traballo do BNG de Ares, vaise desenvolver outra rolda de reunións parroquias nas que a nosa organización vai dar conta da súa avaliación sobre a conformación da nova corporación, así como da conformación do pacto PSOE, SON e NAL. E, lóxicamente, das iniciativas que a nosa organización está a levar e vai levar nos vindeiros meses na defensa dos intereses da veciñanza e no cumprimento do noso programa nas eleccións do pasado mes de maio