O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantivo un encontro de traballo coa xunta directiva da Asociación de Empresarios de Ferrolterra e con membros da dirección de AENOR no marco do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 que está a elaborar a Xunta de Galicia. Este documento busca incrementar a presenza do idioma propio de Galicia nas relacións empresariais e comerciais, reforzar o seu ámbito de influencia e prestixio, e servir de efecto multiplicador no resto da sociedade.
Nesta xuntanza, Valentín García salientou as ‘boas expectativas’ que esperta o devandito plan, logo de que o documento inicial do mesmo lle fora remitido a un gran número de entidades vinculadas ao tecido socioeconómico. Nunha primeira etapa, a Consellería perseguía a incorporación do máximo número de achegas posibles desde todos os ámbitos sociais. Gran cantidade de entidades ofreceron xa as súas propostas.
Con este importante volume de achegas e de entidades implicadas, o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 atópase fase inmediatamente previa á súa aprobación, prevista para finais deste ano 2015.
Ademáis de Valentín García, na cita deste venres estiveron José Ramón Franco, presidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra; Martín Pita, director en Galicia de AENOR; e David Sobral, secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais. O encontro súmase á rolda de consultas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a manter con axentes estratéxicos na galeguización do tecido económico galego, e que xa incluíu contactos co Foro Enrique Peinador, con cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), con diversas asociacións e confederacións de empresarios, e coa Irmandade Galega de Adegueiros (IRGADE).
Valor engadido da lingua galega
No espírito do que será o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2010, o idioma propio de Galicia preséntase como un valor engadido no ámbito empresarial, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. Un dos aspectos principais é que a lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un extra de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, fai posible a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode supoñer tamén un beneficio económico.
Para reforzar esta idea, a Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña “Exportar en galego” que está a dar moi bos resultados á hora de que os responsables das empresas descubran e intensifiquen as oportunidades dos países da lusofonía -con máis de 250 millóns de falantes- e con algunhas das economías máis emerxentes do mundo.
Trátase, por tanto, de crear conciencia de que o uso do idioma galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, así como as relacións laborais, comerciais e bancarias.
Máis de 70 actuacións
O documento establece cinco áreas principais que son a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e mailo comercio. A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.
O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de fixaren comportamentos.