TEGA e BNG presentarán unha moción promovida pola CIG sobre a enerxía

naron-tega-bng-enerxia mocionO secretario xeral de Terra Galega e concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e o portavoz municipal do BNG, Pablo Villamar, reuníronse co cosecretario comarcal da CIG, Manel Grandal, e o integrante da Federación Comarcal de Industria no mencionado sindicato, Alberte Amado, para analizar a viabilidade de presentar no vindeiro pleno unha moción promovida por esta central sindical sobre a proposición de lei que impulsa por Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que se recollen unha serie de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética. Sánchez Fojo e Villamar indicaron que as formacións ás que representan, Terra Galega e BNG, respectivamente, apoiarán este documento e avanzaron que se porán en contacto co resto de grupos da corporación local para que se sumen á proposta da CIG antes de levar a moción ao pleno municipal para, posteriormente, trasladar o respaldo a esta ILP ao Parlamento Galego e recabar o apoio da veciñanza á mesma.

Na moción incídese en que a “imposición no Estado español dun criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única é perxudicial para Galicia, ao tratar por igual aos consumidores dos diferentes territorios, sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía”. A CIG denuncia que as actuais tarifas eléctricas “son as terceiras máis caras para o consumo doméstico e as oitavas para o industrial, segundo unha comparativa de Eurosat sobre trinta estados europeos”. A central incide ademais en que en Galicia a tarifa debería ter unha bonificación dun 30% nas peaxes e apostar por unha de carácter industrial estable e predecible para incrementar o atractivo do territorio para o implantamento industrial, co que a proposta suporía en canto á xeración de riqueza e emprego.

A CIG apunta tamén que en Galicia cerca de 187.000 persoas, o que representa o 18% do total da poboación, teñen dificultades para aboar as súas facturas enerxéticas, situación que a central califica de “intolerable nunha sociedade socialmente avanzada”.

No apartado das medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galicia na moción recóllense propostas como a implantación de medidas encamiñadas á participación da Xunta no aproveitamento público de todos os recursos enerxético e instalacións de produción, distribución e transporte existentes no país; dunha tarifa eléctrica máis baixa; da inclusión de Galicia no actual Plano Estatal do Carbón e a diversificación das fontes de enerxía, entre outras propostas.

En canto á erradicación da pobreza enerxética no país, desde a CIG proponse que sexa a Xunta a administración que asuma o custo das facturas de gas e electricidade das persoas consumidoras vulnerables en risco de pobreza enerxética e que acorde coas empresas subministradoras dos servizos os mecanismos de intercambio de información e de prezos sociais, así como a facilitar información actualizada sobre tarifas sociais e axudas e medidas previstas para frear a pobreza enerxética.

 

 

 

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …