O Foro de Amigos de Ferrol reproduce tres interesantes documentos do século XVIII que se gardan no Arquivo Municipal de Ferrol.
—-ooooOoooo—-
As portadas dos tres documentos que atinxen á historia da cidade e que se reproducen neste traballo se atopan gardadas no Arquivo Municipal de Ferrol. Trátase de documentos de gran interese e que son practicamente descoñecidos polos ferroláns e os que escriben sobre a nosa cidade. Refírense á vida e ás actividades económicas da nosa urbe que, tralo Real Decreto de 21 de Setembro de 1733, firmado en La Granja de San Ildefonso polo rei Felipe V, se tranformou nunha vila de reguengo, é dicir de xurisdicción real, deixando de pertencer ao señorío das Casas de Andrade e Lemos.
Por unha Real Cédula firmada o 17 de Xaneiro de 1737 polo mesmo rei Felipe V, as vilas de Ferrol e A Graña deixaban de ser incluídas nos Repartimentos da cidade de Betanzos, é dicir que ambas vilas deixaban de pertencer a aquela xurisdición, quedando dese xeito exentas de pagarlles os correspondentes impostos e repartimentos, o que durante certo tempo viño a significar un importante pulo á economía de Ferrol.
Máis tarde, por unha Providencia librada polo Consello de Castela no nome do Rei Carlos III, concedíase a Ferrol o 26 de Agosto de 1767 a celebración semanal dun “Ayuntamiento de Abastos” ou mercado semanal, que tería lugar na entón praza das Dores, hoxe de Amboage, no que sería o antecedente da posterior Feira mensual da cidade, que aínda hoxe se continúa a celebrar no Paseo do Túnel.
O terceiro dos documentos é outra Providencia, desta rolda firmada o 29 de Febreiro de 1772 polo Consello de Guerra no nome do mesmo Rei Carlos III, permitindo que os donos das casas edificadas nos terreos da vila de reguengo as puideran alugar libremente (“a quen sexa da súa satisfacción”).