Valentín González Formoso foi elixido este xoves, 16, presidente da Deputación da Coruña cos 18 votos que suman os Grupos do PSdeG-PSOE (8 deputados), BNG (5), Marea Atlántica (3), Compostela Aberta (1) e Alternativa dos Veciños (1), fronte aos trece votos obtidos por Diego Calvo, o candidato do Partido Popular, na sesión extraordinaria de constitución da nova Corporación.
Tras as intervencións dos portavoces dos seis grupos políticos con representación na Cámara, González Formoso pronunciou o seu discurso de investidura, no que apostou por “facer das deputacións administracións modernas e eficientes, transparentes e resolutivas e, sobre todo, útiles aos cidadáns”.
“Entendo que non debemos ver á Deputación como algo distinto aos concellos, senón como os propios concellos traballando xuntos, colaborando solidariamente, para levar á práctica o vello axioma que di que a unión fai a forza”, apuntou o presidente provincial que pediu aos novos membros da Corporación “ampliar a nosa visión estrictamente local ao eido provincial” para actuar “globalmente, obxectivamente, estratéxicamente e solidariamente, sendo conscientes de que, facendóo así, o todo provincial será máis que a suma dos 93 municipios que o integran”.
González Formoso anunciou tamén a aplicación de novas fórmulas para “mellorar a colaboración e cooperación intermunicipal” neste mandato, como a creación dunha Mesa de Diálogo cos concellos para recoller as propostas e suxestións dos municipios con respecto á planificación dos diferentes plans de investimento e intercambiar experencias de xestión municipal dos 93 concellos coruñeses.
No seu discurso de toma de posesión, González Formoso estableceu como prioridades e obxectivos do mandato que hoxe comeza “seguir cooperando con todos os concellos, atendendo especialmente aos municipios con menor capacidade económica ou de xestión”, promover e coordinar novos programas e accións de carácter intermunicipal que favorezan a colaboración e o traballo en rede “ e permitan aproveitar as sinerxias comarcais en asuntos como os servizos sociais, a cultura ou as accións de promoción económica”, facer da transparencia “bandeira” da xestión do goberno provincial e manter o investimento social, que se incrementará cada ano con respecto ao anterior.
O novo presidente da Deputación da Coruña subliñou tamén que “dende o goberno provincial queremos implicarnos no que segue a ser o principal problema para os cidadáns, un problema que hoxe sofren os 90.200 coruñeses e coruñesas que engrosan as listas do paro”, polo que, ademáis de manter as accións e plans que a institución desenvolve nesta área, comprometeuse a implementar novas accións para coordinar mellor as diferentes actuacións de formación, fomento do emprego e apoio a emprendedores. “Queremos que os sectores produtivos, dentro das limitacións competenciais que temos, sintan o apoio desta institución provincial, que debe fomentar as súas potencialidades”, apuntou.
Para lograr estes obxectivos, Valentín González Formoso apelou ao “entendemento” e ao “diálogo” entre os grupos políticos que integran a nova corporación. “Reiterarei as veces que sexa preciso esta posición de man tendida, de disposición permamente ao consenso e ao acordo, como se ten feito sempre nesta Deputación e sempre con bós resultados”, dixo.
“Ao longo da historia, todo progreso parteu sempre do espírito crítico, da ambición de mellorar ou cambiar o establecido, pero non hai progreso sin esforzo”, afirmou, polo que instou aos membros da corporación a “traballar todos xuntos para superalos” e comprometeuse a traballar para que todos e cada un dos 93 municipios desta provincia “se sintan non só representados, senón parte activa e fundamental desta Deputación”.