Villamar di que a posición do PP respecto do centro de saúde non precisa comentario

naron-bng-22O candidato do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas de Narón, Pablo Villamar, asegurou na tarde deste venres, día 22,no acto de peche de campaña en Santa Icía que a posición do Partido Popular a respecto da construción do novo centro de saúde “non precisa de comentarios”, logo de que o xoves o grupo parlamentar “popular” votase en contra dunha proposta que reclamaba o inicio das obras.  “A actitude do PP en xeral e do señor Hipólito Fariñas en particular non pode cualificarse doutro xeito que de hipocrisía”, dixo antes de engadir que “están a contradicirse a si mesmos”.

“O feito de recoñecer que o centro de saúde é unha necesidade para o Concello deixa en evidencia á Xunta de Galiza”, explicou o portavoz nacionalista, “que é a quen lle corresponde mover ficha”. Villamar lembrou que o primeiro protocolo entre a administración local asinouse en 2008 –cando gobernaba en Narón o PP e TEGA- e o segundo en 2012, pouco antes das eleccións autonómicas, “mais non foron quen de darlle para adiante a ningún deles, malia que o Concello cumpriu coa súa parte do trato”. Así, o candidato do BNG-Asembleas Abertas sinalou que a formación nacionalista entrou a gobernar a finais de 2011 de que en xaneiro do ano seguinte o Concello xa puxera a disposición da Xunta os terreos para construír o ambulatorio.

Villamar pechou o acto en Santa Icía repasando os tres anos e medio no goberno local do BNG e avanzando as que serán as liñas mestras no caso de que a formación nacionalista consiga a Alcalcía. “O primeiro van ser, como xa o foron neste mandato, as personas; nada de cemento e grandes proxectos, é o tempo de protexer as persoas, de lles asegurar o acceso aos servizos básicos”, subliñou. Así, o Bloque revisará os requisitos para a bonificación nas taxas municipais, como as da recollida do lixo ou o abastecemento de auga, posto que as actuais, sostivo, “non se axustan á realidade económica de moitas familias”.

O portavoz nacionalista tamén falou do saneamento na zona rural –que precisará de acordos con outras administracións- e dun plan de mobilidade que necesariamente ha de incorporar o futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal, en proceso de elaboración. “Ben sabemos que Narón non é Pontevedra, mais si podemos asumir determinados aspectos, como a importancia do peatón nos espazos urbanos. O peatón”, insistiu, “ten que ser o dono das rúas”. Ese plan de mobilidade permitiría, dixo, “rematar dunha vez por todas coas barreiras arquitectónicas e que non houbera veciños e veciñas de Narón que non poidan moverse con normalidade pola cidade”.

Nesa liña, Villamar apostou por peatonalizar determinadas rúas do núcleo urbano e, aproveitando que o acto se desenvolvía no barrio, precisou que Santa Icía-A Solaina sería “un bo lugar para estudar esta posibilidade que nós cremos –e así o demostra a experiencia doutras cidades- que sería beneficiosa para toda a veciñanza”.

Lea también

El BNG exige al Gobierno parar el desahucio de una familia en un edificio de la Sareb en Narón

El diputado del BNG en el Congreso, Néstor Rego, ha pedido este sábado al Gobierno …