As esculturas do parque municipal Raiña Sofía

faf-SNesta ocasión o FORO DE AMIGOS DE FERROL fai un percorrido polas diversas esculturas e monumentos que se levantan no Parque Municipal de Ferrol

AS ESCULTURAS DO PARQUE MUNICIPAL RAIÑA SOFÍA

No interior do recentemente remodelado Parque Municipal Raíña Sofía atópanse una serie de obras, esculturas e monumentos, varias delas traídas doutros lugares, en ocasións amosando o seu descoido, mesmo algún delas desaparecida.

Obras descoidadas

Na rotonda principal do parque pódese ver un conxunto de catro bustos de mármore branco e outros catro de cemento, todos eles obra do escultor santiagués afincado en Ferrol, Agustín López Fernández. Colocados sobre amplos pedestais de pedra de granito teñen unha factura en xeral correcta aínda que de resultado final irregular.

Os catro primeiros bustos, representando a Carlos I, Carlos III, o Marqués da Ensenada e Concepción Arenal, feitos en mármore branco e pintados de forma pouco axeitada, estiveron colocadas de orixe nos óculos altos do edificio de Concello inaugurado o ano 1953. Ao pouco tempo da inauguración do Pazo Municipal foron retiradas e levadas ao seu actual emprazamento.

burgoa-11-1

Os outros catro bustos, están feitos de cemento e son de calidade inferior aos anteriores, e foron esculpidos na década dos anos 1960 polo mesmo escultor para complementar aos bustos anteriores. Representan a catro históricos personaxes ferroláns: Benito Vicetto, Pérez Villaamil, Álvarez de Sotomayor e Bello Piñeiro. Neste intre desapareceron os bustos destes dous últimos personaxes.

Centrando a rotonda do parque, rodeada das devanditas estatuas, e no centro dun estanque octogonal érguese a chamada Fonte Wallace. Trátase dunha obra feita polo escultor francés Charles Lebourg que a partires do ano 1872 elaborou una serie de fontes similares repartidas por diversas cidades do mundo.

burgoa-11-2

Foi mercada na Exposición Universal de París do ano 1889 polo ferrolán Juan Romero Rodríguez para a súa instalación no mercado municipal, pasando logo á Praza Vella e de aquí foi levada nos anos 1950 ao entón recén inaugurado Parque Municipal. O grupo escultórico, onde salientan catro airosas cariátides, que soportan unha cúpula, está feito de ferro fundido aínda que pintado de dun ton semellante ao bronce.

Obras desaparecidas

O ano 1954 inaugurouse no Parque Municipal un monolito na lembranza de Francisco Iglesias Brage, aviador ferrolán que, xunto co piloto abulense Ignacio Jiménez, levou a cabo a primeira travesía sen escalas sobre o océano Atlántico, voando desde Sevilla ata a cidade brasileira de Bahía. A data de inauguración do monolito tivo lugar cando se cumprían 25 anos da travesía, nun acto coa asistencia do aviador ferrolán.

burgoa-11-3

A obra consiste nun simple monolito prismático de granito de ton gris e  groso grá, colocado sobre un pedestal de dous escalóns. A media altura unha placa de bronce lembra o histórico feito. Por mor das obras levadas a cabo fai poucos anos para a instalación no Parque Municipal do Xardín Didáctico Acquaciencia desapareceu o monumento sen que o Concello sexa quen de informar do seu paradoiro.

burgoa-11-4

Tamén co motivo da instalación de Acquaciencia desapareceu da parte alta do parque o amplo estanque cheo de parrulos que fixeron as delicias de moitos nenos e nenas de Ferrol. Este estanque se adobiaba con dúas esculturas, sinxelas e inxenuas, as coñecidas como “Niño de la Oca” e “Niño del Delfín”, obras feitas polo escultor Agustín López Fernández arredor dos anos 1960. As dúas obras tamén están hoxe desaparecidas, aínda que queda a testemuña gráfica de Pedro Javier González na súa obra “La escultura pública de Ferrol”.

Obra descoñecida

Como mínimo de curiosa poderíase cualificar a lápida de pedra de forma irregular que aparece deitada sobre a herba da parte alta do Parque Municipal, na zona noroeste do mesmo, xusto diante do edificio, ata fai poucas datas, Aula de Ecoloxía Urbana.

burgoa-11-5

Na inscrición que leva ao fronte semella que se pode ler: “————— DE LA VIRGEN SANTÍSIMA DEL PILAR DE ZARAGOZA” e debaixo unha posible data, hoxe ilexible, en números romanos. O Foro de Amigos de Ferrol agradece que algún dos lectores deste artigo poida dar algún dato sobre a procedencia desta lápida pétrea, mesmo da posible autenticidade da inscrición que amosa.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …