Esquerda Unida, a través do seu grupo municipal, enviou un comunicado no que indica, entre outras cousas, que «quere sinalar a ausencia total de interese do equipo de goberno liderado por Rey Varela na conservación do patrimonio arquitectónico da cidade. Unha cidade que di aspirar a converterse en Patrimonio da Humanidade non pode manter un desleixo como a que vimos observando ao longo deste mandato. Conocida é a loita que no seu día a nosa organización desenvolveu como outros moitos axentes cidadáns en contra do derrubamento da Fábrica de Lapis, de final igualmente sabido. Tamén recordamos o acontecido co Bambú Club situado nun barrio protexido. Outro episodio destacado é o protagonizado pola derruba da casa natal de Carvalho Calero noutro enclave preservado como BIC.
O grupo municipal de Esquerda Unida quere sinalar como igualmente nefasta a resolución de procesos de rehabilitación que o goberno do PP se encontrou en marcha. Non cabe outro xeito de definir o acontecido no edificio do Ateneo, cuxa variación arbitraria e caprichosa dos seus usos finais deu lugar a un conflito que se mantén no tempo. No caso do coñecido como Antigo Hospicio o que se mantén é unha indefinición absoluta do seu destino final, que en palabras textuais do responsable de cultura en resposta á pregunta formulada por Suso Basterrechea, concelleiro de EU: «será anunciado polo alcalde cando estime oportuno».
No seu comunicado, continuaron incidiendo que «Esquerda Unida entende que a obriga dun goberno municipal é actuar con decisión naquel ámbito que lle corresponde. Poñer en valor, dotar de usos ou utilizar como referentes urbanos aquelas construcións singulares de Ferrol é unha das maneiras máis directas e claras de contribuír á dinamización tan necesaria da nosa cidade. A nosa organización comprométese a traballar nese sentido dende o próximo goberno da cidade e esquecer as formas actuais máis propicias á derruba e á dilapidación en ascensores ao ceo«.