Narón acolle un completo programa con motivo da recreación das Lendas da Pena Molexa

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, e a presidenta da AVV Os Irmandiños do Val, Ana Belén Rodríguez, presentaron esta mañá o programa de actos para celebrar a décimo novena edición da recreación das Lendas da Pena Molexa, que será o 18 de xuño no lugar de Vilasuso, no Val. O Concello e a citada entidade veciñal colaboran na organización deste evento potenciándoo desde hai varios anos coa programación de actividades paralelas en xornadas previas a esa data.

As actividades deseñadas con motivo desta tradicional festividade comezarán o 4 de xuño cun roteiro cicloturista, que ás 10:30 horas partirá das inmediacións do local social e no que se realizará un percorrido polo entorno para coñecer o patrimonio cultural do Val. A convocatoria está aberta á participación de todas as persoas interesadas en acudir e conta coa colaboración da Concellería de Seguridade Cidadá, dirixida polo edil Guillermo Sánchez, a través do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.

O 10 de xuño celebrarase unha Andaina solsticial, cuxa comitiva partirá ás 22:30 horas do convento de Baltar desde donde, ataviada con fachos, irá ata a Pena Molexa realizando paradas para ver elementos patrimoniais, como o castro de Vilasuso e o propio convento.

Os actos propios da representación das Lendas da Pena Molexa serán o 18 de xuño. O programa festivo iniciarase ás 18 horas, con xogos populares e actividades de deporte rural, para a partir das 20:30 horas dar comezo a actuación do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Ás 21 horas haberá unha churrascada a prezos populares con churrasco molexo e bocata lopeso, e ás 22:30 actuará o grupo de música folk Zoadeira. A representación das Lendas, que narran a conversión dunha Pena en fada ou doncela coincidindo co solsticio de verán, a cargo de veciños do Val como marca a tradición, comezará á medianoite. Ás 00:30 horas haberá unha lumeirada e repichoca popular.

Desde a organización desta convocatoria animan aos veciños de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita festiva, ao tempo que lúdica e cultural, con gran tradición na localidade naronesa e con actividades dirixidas a persoas de todas as idades.

Lea también

El naronés Marcos López Balado se proclamó doble subcampeón de Europa ISKA

El deportista naronés Marcos López Balado, miembro del Club Kickboxing Chuchy del gimnasio BenyGym, acaba …