Interesante mostra de instrumentos musicais no Pazo da Cultura de Narón

(Foto: Galicia Ártabra). A primeira zanfona creada neste obradoiro.
(Foto: Galicia Ártabra). A primeira zanfona creada neste obradoiro.

O Pazo da Cultura de Narón acolle a exposición «20 anos construíndo patrimonio» , na que se poden ver algo máis de sesenta instrumentos musicais realizados nos Obradoiros de Construción de Instrumentos de Percusión Tradicional Galega do Padroado da Cultura.

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro; o profesor do obradoiro, Emilio Romero, e alumnado dos mesmos, visitou na tarde deste martes a mostra, que permanecerá na entrada do Pazo ata o vindeiro 6 de xuño.

Entre as pezas que permanecen expostas hai unha zanfona construída por dous dos alumnos máis veteranos deste curso, que comezaron a realizala no ano 2013. Trátase dun modelo francés, tal e como explicou Romero, cuxos planos se adquiriron en Alemaña e é a primeira realizada en Ferrolterra. O pontés José Souto e o fenés Manuel García foron os encargados de realizada, e como ben demostrou Alberto Maceiras funciona á perfección. Na actualidade estanse realizando outras dúas similares. O rexedor local e a edil de Cultura destacaron o traballo desenvolvido polo alumnado e a labor do docente, e felicitaron persoalmente ás dúas persoas que construíron a zanfona pola súa dedicación, así como aos encargados de realizar o resto das pezas.

Así mesmo, na exposición pódese ver un tambor feito cun tronco de ciprés baleirado a man; un charrasco, un tambor dobre e un tambor cunha pequena barrica de carballo. Ademais das pezas realizadas nos obradoiros, hai outras restauradas nos mesmos, como dúas pandeiretas con máis de 130 anos de antigüidade.

Entre as novidades desta mostra está a exposición, por vez primeira, de instrumentos típicos doutros países, como un tambor Chamanico; un pandeiro irlandés e un caixón peruano.

A edil de Cultura Marián Ferreiro recordou que nos últimos vinte anos máis de trescentas persoas asistiron aos Obradoiros de Construción de Instrumentos convocados desde o Padroado da Cultura. Na actualidade, apuntou, hai sesenta e dúas persoas matriculadas este ano. As clases destes obradoiros impártense en cinco grupos, dous o sábado pola mañá e os tres restantes os martes, mércores e venres. Coincidindo co remate do curso escolar permanecen expostos, como cada ano, os traballos realizados.

(Foto: Galicia Ártabra). Tambor feito dunha peza enteira de ciprés.
(Foto: Galicia Ártabra). Tambor feito dunha peza enteira de ciprés.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …