Ao longo do século XX no barrio ilustrado da Magdalena foron desaparecendo unha serie de vivendas levantadas durante o século XVIII. Desta rolda o FORO DE AMIGOS DE FERROL quere lembrar os edificios, hoxe desaparecidos, onde naceron tres ilustres ferroláns: Ramón Plá y Monge (marqués de Amboage), José Canalejas Méndez e Fernando Álvarez de Sotomayor.
Ramón Plá y Monge
Ramón Plá y Monge naceu o 19 de Outubro de 1823 no entón número 42 da Rúa do Sol, un amplo e típico casarón do século XVIII, cunha galería acristalada no seu primeiro andar e unha bufarda no seu remate. çA artística placa de mármore branco, colocada o ano 1923 e volta a colocar no novo edificio que substituiu ao anterior, ademais de lembrar o nacemento de Ramón Plá leva colocado á dereita o escudo da cidade en bronce e á esquerda un grupo escultórico, tamén de bronce, como alegoría do comercio, a industria e o traballo.
José Canalejas
José Canalejas Méndez naceu o 31 de xullo de 1854 no número 134 da rúa Real, unha vivenda dezaoitesca que facía esquina coa Praza de Amboage.
Durante a visita que José Canalejas, xa como Presidente do Goberno, levou a cabo a Ferrol en Agosto de 1907, colocouse unha sinxela placa de mármore lembrando o seu nacemento.
Esta placa desapareceu co posterior derrubo da vivenda, aínda que fai poucos anos se colocou unha placa similar á orixinal no ángulo dereito do novo edificio, na fachada da rúa Arce.
Fernando Álvarez de Sotomayor
No edificio que levaba o número 130 da rúa Real, facendo esquina coa rúa Méndez Núñez, naceu o 25 de Novembro do ano 1875, Fernando Álvarez de Sotomayor, recoñecido pintor retratista e de temas galegos, alcalde da Coruña e director do Museo do Prado en dúas ocasións.
Tamén desaparecida por mor da picaraña a vivenda do século XVIII onde naceu, polo menos o edificio actual conserva a sinxela placa orixinal de mármore que lembra o seu nacemento e que foi colocada o ano 1917, cando foi nomeado Fillo Predilecto de Ferrol
Outros personaxes
Tamén naceu en Ferrol Pablo Iglesias Pose, na rúa San Fernando o ano 1850. O ano 1927, sendo alcalde de Ferrol Antonio Usero, colocouse na casa consistorial unha placa lembrando o seu nacemento o 18 de Outubro de 1850, placa desaparecida o ano 1936.
Outro personaxe nacido en Ferrol, o 31 de Xaneiro de 1820, foi Concepción Arenal Ponte, aínda que non existe unanimidade sobre a súa vivenda natal. Neste caso a placa que lembra o seu nacemento está colocada nun lateral do edificio do Concello ferrolán.
Outros dos coñecidos persoeiros ferroláns foron os irmáns Franco Bahamonde: Francisco, nacido o 4 de Decembro de 1892, e Ramón, que o fixo o 2 de Febreiro de 1896. A súa vivenda natal consérvase na rúa María, cunha placa lembrando o nacemento de ambos irmáns. A casa, pechada ao público, é un auténtico museo que conserva un interesante conxunto de documentación, libros, retratos, mobles e outros recordos de época.
Por último, Benito Plá y Cancela e Manuel Comellas Coimbra teñen senllas placas de mármore colocadas nas vivendas onde naceron os respectivos anos 1812 e 1853. Noutra ocasión teremos oportunidade de falar destes outros personaxes de Ferrol.