Xunta e a diocese de Mondoñedo-Ferrol colaboran no proxecto da Biblioteca Dixital de Galicia

obispo-culturaA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a diocese de Mondoñedo-Ferrol reafirman o seu compromiso para impulsar conxuntamente Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia. Con este obxectivo, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o bispo da diocese, Manuel Sánchez Monge, asinaron esta tarde un convenio de colaboración, ao abeiro do cal os fondos dixitalizados da Biblioteca do Real Seminario Conciliar Santa Catalina de Mondoñedo se integran en Galiciana.

Este patrimonio bibliográfico, considerado de interese para Galicia e dixitalizado cunha subvención do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ponse ao dispor da cidadanía a través do repositorio de Galicia, para colaborar coa súa reprodución, difusión e comunicación pública con fins de investigación e culturais sen ánimo de lucro.

Para unha mellor difusión e accesibilidade a este patrimonio bibliográfico, creouse un portal dedicado en exclusiva aos fondos patrimoniais dixitalizados da biblioteca do Seminario de Mondoñedo, que permite acceder, dentro de Galiciana, ao subcatálago das súas obras.

Galiciana, a biblioteca dixital de referencia en Galicia, accesible en www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es, forma parte da grande enciclopedia dixital construída entre todos os Estados membros da Unión Europea, Europeana. Ao abeiro deste proxecto, a Biblioteca de Galicia dixitaliza e dálle visibilidade ao patrimonio bibliográfico galego co fin de difundilo, conservalo e incorporalo aos proxectos nacionais e internacionais de dixitalización bibliotecaria.

Fondos de entidades de especial interese

Ademais de incorporar os fondos dixitalizados pola Biblioteca de Galicia, Galiciana nútrese de fondos dixitalizados por outras institucións, como a Real Academia Galega (RAG), da que se incorporaron máis de 800 rexistros. Para avanzar nesta dirección, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, asinou este convenio coa Diocese Mondoñedo-Ferrol.

Grazas á colaboración de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a RAG, o Museo do Pobo Galego, as fundacións Penzol e Eugenio Granell ou a biblioteca de Estudos Locais da Coruña, Galiciana ten ao dispor da cidadanía preto de 5.000 rexistros bibliográficos e máis de 150.000 grupos multimedia.

O obxectivo marcado desde a Consellería de Educación e Cultura é que Galiciana se converta nun directorio de proxectos dixitais en Galicia, que contribúa a un mellor e maior aproveitamento dos recursos dedicados a dixitalización, que se eviten duplicidades e que se favoreza a cooperación entre institucións con fondo de patrimonio bibliográfico que resulten de interese para Galicia.

Esta biblioteca dixital incorporou nos últimos meses novos procedementos para enriquecer as súas utilidades e a información que ofrece, un labor que veu acompañado tamén da integración de novos obxectos dixitais. Deste xeito, desde comezos do 2014, púxose acceso a novos números do Boletín Oficial da Provincia da Coruña que permiten completar a súa colección. En total atópanse accesibles aos usuarios 622 números desta publicación que abarcan desde os anos 1837 a 1946.

Tamén se incorporou unha nova cabeceira de prensa dixitalizada, ‘La Zarpa’, como resultado da colaboración coa Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense. Actualmente pódense consultar 1.317 números que van desde o 27 de xullo de 1921 ata o 31 de decembro de 1924, así como varios números de 1934.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …