Ei, tí, parásito!

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Ei, amigo! Es novo? Estás no paro? Traballaches e agora recibes unha prestación económica? Non serves para nada, sábelo, non? Es un parásito, un mal que hai que erradicar da sociedade.

Tampouco o tomes a mal, ho! Non son eu quen che está a dicir isto, é a ínclita Mónica de Oriol, a presi do Círculo de Empresarios. Que non sabes quen é? Ah, diso si tes culpa. Son ela e os seus amigos quen mandan no país. Ou pensas que manda Rajoy?

Agora xa en serio. Como ves, poden dicir de ti o que lles pete. Crense os teus donos, capaces de decidir que ti, despois de ter traballado para eles xa non debes cobrar unha prestación por desemprego. Non te enganes. Non é un caso illado. Se o fose, os seus compañeiros obrigaríana a dimitir. Esa palabra. Dimitir. Pero non, ninguén a obrigará a irse de aí. Para que? En realidade, dixo o que pensan moitos dos que a puxeron no cargo.

Ben, para non pecar de demagogo (eu, non ela, abofé), vouche copiar as súas palabras textuais. Dixo: «Hay [en España] un millón de personas con cero cualificación y un salario mínimo y te obligan a pagarles aunque no valgan para nada». Entre outras medidas, propuxo baixar o salario mínimo (un dos máis baixos de Europa, por se non o sabes, que o saberás) e reducir o custo do despedimento a 18 días por ano traballado. Dixo tamén, amigo, que ninguén acepta un traballo se ten por diante dous anos de prestacións. Parásito. Iso che chamou.

Que si, que si, que o sei. Que xa pediu desculpas. Pero, oe, un país que está a procesar por terrorismo a un tío que fixo unha broma (que si, que si, de moi mal gusto) con Carrero Blanco (acaba de pasar, sabes?) tamén debería facer algo con este tipo de declaracións, non?

 

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …

Un comentario

  1. O problema é que sábense inmunes, que poden dicir ou facer o que lles pete que ninguén vailles facer nada.
    Non só é esa payasa, son moitos e cada vez con menos vergoña para vomitar barbaridades. Aguirre, Botella, Blesa, Cospedal, Cifuentes, Gallardón, Aznar, a ministra de traballo que nin sei nin me molesto en mirar como se chama,…etc. forman parte dunha larga lista de parásitos incompetentes, brutos, ordinarios e obscenos que conforman a pila de … en que se está a converter o noso país.