As cidades que foron capaces de desenvolver de xeito puxante a súa fronte portuaria e a súa proxección marítima tiveron de sempre unha vida propia e un especial atractivo. Desta forma todos coñecemos urbes costeiras con suxestivas fachadas abertas ao mar, gozando dunha harmoniosa conexión entre a cidade e o mar. Pola contra, vemos tamén exemplos onde se levou a cabo unha pouco intelixente recuperación dos espazos da beiramar.
Ferrol, cidade cunha indubidable vocación naval de seu, quedou co paso do tempo convertida nunha urbe simplemente costeira. Os crecentes usos militares, industriais e comerciais da súa ribeira orixinaron o illamento da cidade respecto das augas da ría, quedando hoxe soamente o peirao de Curuxeiras como simbólica fachada marítima para os cidadáns
Vexamos o exemplo da veciña cidade da Coruña. Non falamos do Paseo Marítimo construído na enseada do Orzán, aberta ao mar e vento do Noroeste, e hoxe esnaquizado polas treboadas. A natureza é teimuda e cando non é tida en conta polo “home branco”, pasa o que pasa. Vaiamos agora cara a protexida dársena do Nordeste, onde en tempos de malgasto levantouse o cachinfornio chamado PALEXCO (Pazo de Exposicións e Congresos), unha auténtica barreira que illa á cidade do mar. O actual abandono deste edificio é a maior proba do erro cometido.
Hoxe sopran novos aires e semella que a cidade coruñesa aprendeu a lección. Na recreación que se acompaña pódese ver un proxecto que atinxe á zona urbana da avenida da Mariña, incluíndo a fermoso e amplo conxunto de edificios con soportais e galerías acristaladas, de xeito tal que estea en contacto coa ribeira mariña e o porto deportivo, mesmo suprimindo a circulación rodada ao bordo do mar.
Volvamos a Ferrol, a Cidade Ensimesmada, que tamén debe aprender dos erros alleos. Neste intre, mentres a urbe busca a súa identidade, tanto a Armada como a empresa Navantía poderían acometer certas accións puntuais, facendo máis permeables as murallas e as reixas de peche, e, dese xeito, ir facendo máis accesible a cidade ao mar. Por outra banda, a próxima entrada en servizo do Porto Exterior obriga a ir pensando a esa Autoridade Portuaria, moitas veces na inopia e case sempre afastada dos intereses dos veciños, nunhas solucións axeitadas para o uso e desfrute dos cidadáns da fachada marítima, como viñan facendo as xeracións anteriores, os veciños do “Muelle”.
Cumpre ter en conta que cando as frontes marítimas están en contacto con zonas de certa fraxilidade, caso dos barrios antigos, hai que ser moi prudente nas accións de renovación, tratando de manter esa especial atmosfera que teñen as zonas portuarias. Se ben a coincidencia nun mesmo espazo dunha fronte costeira e un casco histórico semella unha boa ocasión para a posta en valor do patrimonio cultural, tamén pode xerar ideas absurdas como a creación de centros comerciais, gastrobares e vinotecas, pazos de congresos ou presuntos museos, espazos que rompen a paisaxe, xeran un escaso dinamismo urbano e rachan a correcta relación do home co seu contorno, creando así un novo motivo de peche e illamento desa fachada.