Desaparece do Concello de San Sadurniño a pancarta contra a lei do aborto

concello-san-sadurninoTres días. Ese foi o tempo que permaneceu colgada na praza do concello de San Sadurniño a pancarta co lema “Polo dereito a decidir. Aborto libre e gratuíto”. Na noite deste venres o cartel foi arrancado da fachada municipal sen que polo momento haxa datos sobre a autoría. En calquera caso, desde a alcaldía sinálase que se trata dun acto “premeditado” e executado para “facer calar pola forza” a mensaxe institucional a prol do dereito das mulleres a decidir. O Concello anunciou que porá os feitos en coñecemento da Garda Civil e tamén que xa se encargou un novo cartaz.

O alcalde explicou “Non cremos que se trate dun acto vandálico espontáneo, senón que estamos convencidos de que é unha acción premeditada que atenta contra un patrimonio público e, o que é máis importante, contra a vontade que o pobo de San Sadurniño delegou nos tres grupos políticos con representación municipal”, dixo esta mañá o alcalde, Secundino García. O rexedor local lembra que o lema da pancarta “resume un acordo plenario adoptado por unanimidade do BNG, o PP e o PSdeG-PSOE”.

O alcalde tamén explicou que nos últimos días houbo unha campaña a nivel local a través das redes sociais en contra de que o Concello expresase publicamente o seu desacordo coa reforma da lei do aborto.

O alcalde non se atreve a vincular a retirada do cartaz con accións de ningunha organización “posto que non hai probas”, aínda que si anunciou que o luns presentará a pertinente denuncia no posto da Garda Civil de San Sadurniño.

 

 

Lea también

Propostas de lecer en San Sadurniño para esta fin de semana

A programación dos distintos departamentos municipais de San Sadurniño concentrou nesta fin de semana varias …