Convento do Rosario en San Sadurniño, unha das paradas das Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación

Inscricións abertas para participar nas visitas guiadas das Xornadas Europeas do Patrimonio, organizadas pola Deputación da Coruña.  Por primeira vez, terán en San Sadurniño un dos seus puntos de referencia coa organización de dúas visitas guiadas ao Convento do Rosario, unha das súas xoias arquitectónicas e históricas. Os percorridos  desenvolveranse o venres 23 de outubro ás 17:00 e 19:00 horas . Para anotarse -de balde- hai que cubrir o formulario dispoñible na web da Deputación. As prazas son limitadas.

As xornadas desenvolveranse do 20 ao 25 de outubro baixo o lema Patrimonio en perigo: revivir, resistir, reimaxinar, cun intenso calendario de visitas guiadas, espectáculos e actividades culturais en distintos puntos da provincia. A iniciativa busca achegar o patrimonio á veciñanza e chamar a atención sobre a importancia de conservar e transmitir un legado cultural que afronta ameazas como a degradación ambiental, a crise climática ou a transformación dos territorios.

As dúas visitas programadas en San Sadurniño facilitan o descubrimento da historia e dos principais elementos arquitectónicos do Convento do Rosario e da igrexa de Santa María, un conxunto moi vencellado á orixe e á evolución histórica do concello.

O edificio ergueuse a partir do século XVI sobre os restos dunha antiga construción relixiosa asociada á Orde do Temple. Ao longo da súa historia pasou por distintas comunidades relixiosas, ata que a desamortización de 1835 puxo fin á presenza dos dominicos. O claustro, os elementos góticos que se conservan na igrexa e os retablos de diferentes épocas dan conta da riqueza patrimonial dun conxunto que, nunha parte, foi escola, logo Casa do Concello e agora oficinas da Garda Civil e Casa da Xuventude.

A entrada de San Sadurniño no circuíto de actividades vén ampliar o percorrido das xornadas por distintos lugares da provincia. O venres 23 tamén se ofrecerán visitas á batería da Bailadora, en Ares, ás 11:00 e ás 13:00 horas, e ao mosteiro de Monfero, con quendas ás 12:00, ás 16:00 e ás 18:00 horas. A programación continuará durante a fin de semana con propostas en espazos de interese histórico e arqueolóxico.

O sábado 24 haberá visitas guiadas e actividades de espeleoloxía no Pico Sacro, en Boqueixón, con varias quendas ao longo do día, ademais dun obradoiro de iniciación á fotografía da arte rupestre nos petróglifos de Villestro, en Santiago de Compostela. O domingo 25 o programa trasladarase ao castelo do Casón, en Ortigueira, e á Punta Sarridal, en Cedeira, dous enclaves destacados do Xeoparque Cabo Ortegal. A programación inclúe tamén actividades escénicas e culturais entre o martes 20 e o xoves 22, dirixidas ao alumnado e desenvolvidas en diferentes espazos patrimoniais.

As persoas interesadas en participar nas visitas ao Convento do Rosario -ou en calquera outra das propostas previstas- poden formalizar a súa inscrición desde as 12:00 horas deste venres 16 de outubro na web das Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña, onde está dispoñible toda a programación.  Dado que o número de prazas é limitado, recoméndase realizar a reserva canto antes.

Lea también

Xeoparque Cabo Ortegal acoge las XII Jornadas Abiertas de la Red Geoparques de España

La candidatura resultó elegida en la votación realizada durante las jornadas de este año, celebradas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *