A galería municipal de San Sadurniño inaugura a exposición das 27 obras presentadas ao primeiro Premio de pintura Concello de San Sadurniño, convocado polo Concello en colaboración coa Sociedad Artística Ferrolana (SAF).

O certame reuniu traballos de artistas da comarca, doutras zonas de Galicia e tamén do resto do Estado. O primeiro premio, dotado con 900 euros, foi para o catalán Albert Giménez Torrent pola obra Atmosferas (San Sadurniño), que nos brinda un punto de vista distinto do convento do Rosario.

O segundo premio -500 euros- recaeu no pintor vilalbés asentado en Cambados Eduardo Pérez Baamonde, polo seu Castelo de Naraío, nunha estampa captada desde os rochedos do Saíme. O xurado concedeu tamén dous accésits a Maite Pereira Beceiro pola súa interpretación do castelo -un dos motivos máis recorrentes na mostra- e a Francisco Rogelio Otero Parra, quen xuntou nun mesmo cadro o pasado e o presente do pazo da marquesa.
O Concello tamén tivo un pequeno detalle coas irmás Sara e Uxía Lorenzo Pérez, por seren as participantes máis novas do concurso e, ademais, veciñas de San Sadurniño. A exposición poderá visitarse ata o 13 de novembro, data na que as persoas participantes poderán retirar os seus cadros, agás os dous premiados, que pasarán a formar parte da colección artística municipal.


A concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, conduciu o acto de apertura, que contou cunha notable asistencia de público e coa presenza dos integrantes do xurado Carlos Barcón Collazo – pintor e presidente de honra da SAF-, as tamén pintoras e expertas en arte María Gavín Merlán e Carola Bouza Calvo e o técnico de Cultura, Agustín Pérez Tenreiro.
A mestra da cerimonia de inauguración, á que asistiu numeroso público, foi a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, quen lle atribuiu á SAF o mérito de ter achegado a idea dun certame «que resultou todo un éxito» e co que, segundo dixo, «quixemos poñer en valor o territorio a través da pintura».

A concelleira tamén volveu destacar a idoneidade da galería municipal como espazo expositivo «pola súa luz e por canta xente pasa por ela desde que o pazo volve ser da xente», dixo en alusión ao pasado nobre dunhas instalacións que hoxe «son de todo o pobo». Neste sentido, Piñeiro López sinalou que, igual que o Concello, a galería é un espazo «aberto» a todas as persoas que desexen mostrar a súa creatividade.

María Gavín Merlán, que actuou como portavoz do xurado, explicou algúns dos criterios que levaron a escoller as dúas obras premiadas. De Castelo de Naraío (segundo premio, dotado con 500 euros), de Eduardo Pérez Baamonde, salientou a «firmeza do trazo» e a capacidade para representar a paisaxe da fortaleza medieval cunha aparente sinxeleza detrás da que se aprecia, segundo dixo, «moito oficio» no manexo dos pinceis.
En canto ao cadro ganador do primeiro premio (900 euros), titulado Atmosferas (San Sadurniño), de Albert Giménez Torrent, a portavoz do xurado destacou a grande técnica no uso da luz e o feito de elixir «un punto de vista distinto» que recrea un ambiente da capital municipal no que, aínda faltando detalles e non sendo o máis representativo, «é recoñecible de maneira inconfundible como San Sadurniño».
Os artistas premiados
Nado en Caldes de Malavella en 1992, Albert Giménez Torrent, que non puido asistir á lectura do fallo do xurado, formouse na Escola de Artes e Deseño de Olot e especializouse en pintura mural en Italia. Nos últimos anos acadou numerosos recoñecementos en certames de pintura de distintos puntos do Estado, entre eles o Premio Andratx e o XXXV Premio de Pintura e Escultura Novos Creadores de Benidorm, ambos en 2025. En 2024 recibiu tamén o Premio Rei Jaume e o Premio de Pintura Sarmiento.
A súa traxectoria inclúe exposicións individuais e colectivas en galerías e espazos artísticos de España e doutros países. Entre as mostras colectivas recentes figuran a Affordable Art Fair de Londres e Berlín, en 2025, e exposicións en China e Taiwán. A súa obra está presente en coleccións e institucións como o Museo de Arte Contemporánea Salvador Soria, en Alacant, e o Museo de Manresa.
Eduardo Pérez Baamonde, quen tamén se escusou por non poder acudir á inauguración, naceu en Vilalba en 1962 e reside en Cambados. Foi catedrático de Debuxo no ensino medio e compaxina a pintura coa ilustración, o deseño gráfico e o humor gráfico. Ao longo da súa carreira realizou máis de sesenta exposicións individuais e obtivo numerosos premios, especialmente en certames de pintura seca e pintura rápida.
A súa actividade artística esténdese tamén ao debuxo do natural e aos cadernos de viaxe, nos que recolle o patrimonio, as paisaxes e a cultura de distintos lugares de Galicia. Foi seleccionado para participar en encontros internacionais de cadernos de viaxe en Francia e é colaborador habitual da comunidade Urban Sketchers. Ademais, publicou varios libros e cadernos ilustrados, entre eles traballos dedicados a territorios como Santiago, A Mariña, o Eume, Ferrol e Ortegal.

Na parte final do encontro anunciáronse os dous accésits.
Maite Pereira Beceiro recibiu o recoñecemento pola súa interpretación do castelo -un dos motivos máis recorrentes na mostra- Naraío, memoria de pedra,
Francisco Rogelio Otero Parra -quen participou no último Chanfaina lab- foi distinguido por Sansa, un soño entre o presente e o pasado. Ambos recibiron como agasallo un lote de produtos da Fusquenlla.
O Concello tivo tamén un detalle coas irmás Sara e Uxía Lorenzo Pérez, autoras de Recordos de Sansa e Porta á Fraga Máxica, respectivamente. As dúas participantes máis novas do certame son, ademais, veciñas de San Sadurniño, unha circunstancia que se quixo recoñecer durante a inauguración.

Ata o 13 de novembro
A exposición permanecerá aberta na galería municipal ata o vindeiro 13 de novembro.
Poderá visitarse polas mañás, nos horarios de atención ao público das oficinas municipais.
A partir do 14 de novembro, as persoas participantes poderán recoller as súas obras, agás as correspondentes ao primeiro e segundo premio, que quedarán incorporadas ao patrimonio artístico do Concello.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.