O Grupo Municipal Socialista, a través da súa concelleira María López, denuncia a supresión de servizos e de persoal en materia de seguridade, cun maior custo para o Concello, censurando a supresión do servizo de vixilancia en distintas instalacións municipais, coma a biblioteca, o Centro Cultural Torrente Ballester ou o Pazo Municipal, así como nos areais do Concello.
No que respectan ao Pazo Municipal, os socialistas lembran a privatización encuberta do servizo de atención cidadá, menospreciado a labor que viña realizando o persoal propio do Concello durante anos.
Segundo María López, non son os criterios de seguridade os que se teñen en conta no servizo actual. Por exemplo, elimínanse o servizo de vixilancia nocturna nos areais da cidade, cando o risco de actos vandálicos é alto, constatándose en anos anteriores a súa necesidade.
Respecto á seguridade nas praias, o Grupo Municipal Socialista destaca a falta de transparencia do goberno local no relativo á contratación do servizo de socorrismo e salvamento, do que non se deu conta en ningunha comisión informativa, nin está a disposición dos grupos municipais. Consultada a área de urbanismo, que engloba os negociados de urbanismo, seguridade, servizos, medio ambiente e zona rural, manifestan descoñecer a existencia do devandito contrato.
Ademais os socialistas consideran desexable que o goberno local publicitase a convocatoria para a selección dos e das socorristas, e, deste xeito, facilitar que os mozos e mozas interesadas teñan información ao respecto para acceder a estes postos.
“Non se entende tampouco a supresión da seguridade na biblioteca municipal, xa que na mesma se teñen producido incidentes que tiveron que ser resoltos pola intervención dos traballadores deste servizo.”.- manifesta María López.
Así mesmo, o Grupo Socialista critica que agora se establece un servizo itinerante na Casa Solidaria, e no edificio social, que non ten sentido, xa que de ser necesario debería abarcar un horario regular tódolos días na semana laboral, ou de non selo, é un gasto innecesario.
Redución de servizos
Así mesmo, os socialistas censuran que nos mercados municipais e no Castelo de San Felipe redúcese o servizo, de tal modo que nas prazas de abasto a atención se limita a apertura e peche dos mesmos, cando se trata de espazos que requiren unha maior atención polas súas características particulares.
Os socialistas censuran que o motivo do goberno local é abaratar os custos de persoal, ofrecendo un servizo deficiente, máis aínda cando se poñen en risco a salvagarda do patrimonio cultural e histórico do Concello, como é o caso do Castelo de San Felipe, no que tamén se suprime un posto.
Persoal
Neste senso, o Grupo Municipal Socialista critica que se reduxese a menos da metade o persoal contratado, e denuncian que dos 19 traballadores e traballadoras que levaban a cabo estas tarefas, so 4 persoas foron subrogadas, ademais cun maior custo para o concello. “Un alcalde que di que fai máis con menos, pero que na práctica presta menos servizos a un maior custo.”.- manifesta o voceiro adxunto Jaime Pena.
Así mesmo, os socialistas non entenden a redución da calidade do servizo, e a redución do persoal contratado, cando a contratación actual é lixeiramente máis cara para o Concello que o contrato adxudicado no 2009.
Seguridade dos ecosistemas e das persoas
Así mesmo, alertan do abandono de Reciclaterra e de Mougá por parte do goberno local, que está a poñer en risco a seguridade dos ecosistemas e das persoas, prescindindo ademais dun auxiliar de servizos. Ao respecto os socialistas advirten de que a estación de lixiviados de Mougá, atópase inoperativa e intransitable pola maleza.
É polo que o Grupo Socialista urxe á limpeza deste espazo, e a controlar e inspeccionar o funcionamento da planta de lixiviados, provenientes do antigo vertedeiro de Mougá, e a estación de biogás relacionada coa planta. Os socialistas alertan dos riscos de vertidos de lixiviados en San Xurxo, cunha alta carga contaminante.